· Terá lugar este xoves, 30 de outubro, ás 19 horas e está organizada polo Concello e Mar de Fábula.
· Convócase a todos os veciños e veciñas de Camelle e Arou.
O Concello de Camariñas, en colaboración coa asociación Mar de Fábula, organiza este xoves, 30 de outubro, ás 19 horas en Camelle, concretamente no Museo Man, a segunda reunión informativa sobre a campaña de concienciación ambiental coa que se pretende sensibilizar á veciñanza sobre a importancia de non tirar nada ao mar e de protexer o medio mariño e o litoral do municipio.
A iniciativa, baixo o lema “Camariñas, a perla da limpeza ambiental da Costa da Morte”, busca promover unha maior responsabilidade cidadá na xestión dos residuos e na conservación da contorna natural.
A campaña estrutúrase en varias accións divulgativas. En primeiro lugar, difundiuse un tríptico informativo en todos os domicilios do municipio, no que se recollen mensaxes e recomendacións sobre boas prácticas ambientais e o impacto que o lixo mariño ten sobre a fauna e os ecosistemas costeiros.
Ademais, celebraranse varias reunións informativas nas diferentes parroquias de Camariñas co obxectivo de explicar os obxectivos da campaña e recoller as opinións e propostas da veciñanza. A primeira tivo lugar o pasado venres 10 de outubro na Casa de Pedra e, despois da do Museo Man, á que están convocados os veciños e veciñas de Camelle e Arou, haberá outras en Ponte do Porto e Xaviña, para as que as datas serán confirmadas con suficiente antelación-
O Concello e Mar de Fábula fan un chamamento á participación veciñal nestes encontros, lembrando que a protección do mar e da contorna é unha responsabilidade compartida e que cada pequeno xesto conta para conservar o patrimonio natural de Camariñas.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.