Monday 27 de October de 2025

Ribeira prepárase para vivir un Samaín terrorífico


 Actuación, exposición, cinema ou lectura dramatizada integran as propostas

O Samaín deixará en Ribeira unha serie de actividades coas que pasar unhas datas “de medo”. O cartel arranca coa proxección da película Buscando a Santa Compaña, de Fernando Cortizo. Será no xoves, 30 de outubro, ás 20.30 horas, na sala polivalente do novo Auditorio municipal. Trátase dun filme que recolle a busca contrarreloxo das derradeiras testemuñas dun fenómeno que aterrorizou a toda a poboación durante séculos. O público embarcarase así na misteriosa lenda galega da Santa Compaña, a través dunha investigación con formato de roadmovie documental, realizada coa intención de aclarar que se esconde tras esta crenza milenaria. A entrada é de balde dende media hora antes ata completar a cabida do local.

Doutra banda, a Asociación Cultural Alfaia, coa colaboración do Concello, ten preparadas varias propostas. O grupo de baile da entidade actuará no novo Auditorio municipal, ás 18.00 horas, no sábado, 1 de novembro. A entrada é de balde e farase media hora
antes do inicio da función ata completar a capacidade do espazo. Ao rematar, emprenderán un desfile dende o propio Auditorio ata a carpa municipal, a carón do mercado.

Unha vez alí, procederase coa inauguración dunha exposición de monstros, que se poderá visitar ata o 3 de novembro, incluído. O horario será no sábado 1, de 19.00 a 21.00 horas; mentres que no domingo 2 e luns 3, abrangue dende as 17.00 ata as 21.00 horas.

No domingo 2 tamén se impartirán nese espazo obradoiros de maquillaxe seguindo a temática propia destas datas, dende as 17.00 ata as 21.00 horas; mentres no luns 3 haberá baile infantil con larpeiradas, de 17.00 a 21.00 horas.

Para a concelleira de Cultura, Ana Barreiro, esta “é unha mostra do dinamismo do noso tecido asociativo. En Ribeira contamos con numerosas entidades culturais que contribúen a gozar dunha maior vitalidade nas nosas rúas. Desta vez, aproveitamos o Samaín para facer comunidade aproveitando a ambientación propia destas datas con actividades para tódolos públicos.”

Pola súa parte, a profesora de baile de Alfaia, Carmen Pego, indicou que na actuación participarán un cento de nenos e nenas, tendo as súas familias garantido o acceso ao espectáculo. No que respecta á exposición, apuntou que esta mostra medra ano tras ano con sorpresas “agradables, desagradables, de moito medo.” Ademais, o día da súa inauguración, sortearanse agasallos e premios entre as rifas repartidas nesta época.

A maiores destas actividades, no sábado, 1 de novembro, o grupo de teatro municipal fará unha lectura dramatizada de Don Juan Tenorio, de José Zorrilla. Finalmente o lugar escollido será o interior da igrexa de Santa Uxía de Ribeira, ás 19.00 horas.

Deja un comentario