A Casa da Cultura acollerá este venres ás oito a representación da obra Retrincos de Castelao
En decembro, Fantoches Baj levará a escea a peza Castelao, un corazón á intemperie
“Se aínda somos galegos é por obra e gracia do idioma”. Esta frase, recollida do álbum Sempre en Galiza de Castelao, preside o mural que loce desde hai uns días na fachada da Casa da Cultura de Fene. A cita, acompañada da silueta do escritor, debuxante e político, serve para homenaxear a un dos grandes intelectuais do noso país, símbolo da identidade galega e do compromiso coa nosa lingua e cultura.
Atentendo ao chamamento realizado aos concellos pola plataforma social Vía Galega, o goberno municipal de Fene acordou pintar o mural, de 5×3 metros, a carón da escaleira de acceso principal á Casa da Cultura de Fene. Con esta iniciativa, preténdese “poñer en valor a dimensión polifacética de Castelao e o seu pensamento político, filosófico e social, que o converten na figura máis relevante da Galiza do Século XX”.
Ademais do pintado dun mural, o Concello de Fene pechará este Ano Castelao con dúas representacións teatrais ao redor da figura do político e intelectual galego. Ámbalas dúas con entrada libre e de balde. Na primeira, prevista para este venres 31 de outubro ás 20 horas, a compañía Artefeito Producións representará a obra Retrincos de Castelao (espectáculo dirixido por Diego Rey, con Isabel Risco e Fran Rei sobre o escenario).
Nesta peza, “A partir da chegada de Zeltia ao cemiterio onde Pedro pasa os días, Isabel Risco e Fran Rei fan un divertido percorrido polo traballo e traxectoria vital de Castelao, recreando a súa enxeñosa e fascinante forma de ver a Galiza do seu tempo, un mosaico dunha sociedade e cultura galega atemporal, que nos antecede e nos outorga raíces. A través dun ollo de vidro que dá nova forma á realidade, visitaremos varias historias da obra literaria do xenio de Rianxo, como
A Luz, O fillo do Rosendo ou Peito de Lobo, sen esquecer as súas marabillosas viñetas e sempre coa retranca e humor que está presente no seu amplo e variado legado artístico”. Espectáculo recomendado para maiores de 12 anos.
Logo desta cita, o vindeiro 12 de decembro, no marco do Ciclo de Nadal que organiza a Concellería de Cultura, o salón de actos da Casa da Cultura acollerá ás 18.30 horas a representación da obra “Castelao, un corazón á intemperie”, a cargo da compañía Fantoches Baj.
Con esta producción, artellada para conmemorar o 75º aniversario da morte de Castelao, “tanto as máis pequenas como as súas familias poderán acceder dun xeito ameno e divertido á obra do autor así como a episodios da súa vida en Galicia e no exilio. Unha proposta que desde a memoria e a interpretación ofrece un espazo para homenaxear a un dos ilustres de Galicia e reivindicar o galego como lingua propia para pensar, para escribir e para relacionarnos co mundo que nos rodea”. Espectáculo para público familiar. Función organizada coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.