Monday 27 de October de 2025

A Casa da Cultura de San Sadurniño acollerá este martes unha xornada informativa sobre o programa ActivaVerde


A Casa da Cultura de San Sadurniño será este martes 28 de outubro, entre as 12:00 e as 13:30 horas, o espazo onde se desenvolverá unha xornada informativa sobre o proxecto ActivaVerde, unha iniciativa que ten como finalidade ofrecer novas oportunidades de emprego ás persoas afectadas polo peche das centrais térmicas das Pontes e Meirama, así como a persoas desempregadas interesadas en mellorar a súa cualificación profesional. O encontro, que non require inscrición previa, servirá para dar a coñecer o Plan integrado de medidas individualizado que se está a desenvolver ao abeiro do Fondo de Transición Xusta (FTX) da Unión Europea.

A sesión comezará ás 12:00 h coa presentación do proxecto a cargo da entidade ASIME, promotora da iniciativa. A continuación, intervirán representantes de CCOO, UGT-FICA Galicia e da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), quen explicarán as vantaxes de participar neste programa de empregabilidade verde. A partir das 12:45 h abrirase unha rolda de consultas e recollida de solicitudes de participación, e o encontro rematará cun pequeno espazo de networking ás 13:15 h.

ActivaVerde está concibido como un programa de apoio á recualificación e inserción laboral da poboación afectada directa ou indirectamente polo peche das térmicas de Meirama e das Pontes. Ofrece itinerarios personalizados de orientación laboral, formación especializada en tecnoloxías verdes, eficiencia enerxética e dixitalización, así como apoio á recolocación e ao autoemprego. A finalidade é acompañar de maneira individualizada a cada participante no seu proceso de mellora da empregabilidade e de acceso a un posto de traballo de calidade.

O proxecto, que chegará ata novembro de 2028, abrangue os territorios vinculados ás antigas centrais de carbón, entre eles San Sadurniño, e contempla accións de sensibilización e emprendemento orientadas a fomentar o desenvolvemento de proxectos ligados á economía verde e aos sectores emerxentes.

ActivaVerde é un dos programas que se financian con cargo ao Fondo de Transición Xusta, co que se pretenden minorar os efectos económicos e sociais da descarbonización en zonas como a comarca das Pontes, onde o peche da térmica repercutiu no transporte por estrada, na industria auxiliar, nos servizos e noutros ámbitos que gardaban relación coa actividade da central.

Por outra banda, os fondos provenientes de Europa -e xestionados polo Instituto para a Transición Xusta- tamén buscan avanzar cara a un modelo produtivo máis sostible, creando para iso novas oportunidades en ámbitos como a enerxía verde.

As persoas interesadas en obter máis información ou en participar no programa poden visitar a páxina web www.activaverde.gal, escribir ao correo info@activaverde.gal, chamar ao teléfono 678 648 787 ou ben acudir este martes pola mañá á xornada que terá lugar na Casa da Cultura de San Sadurniño.

Deja un comentario