O concelleiro non adscrito alerta dunha situación “sen precedentes en máis de cen anos” no parque de bombeiros
Esixe a comparecencia inmediata da Alcaldesa e lembra que nos últimos meses xa se alertara do impago acumulado das horas extra do servizo
Gonzalo Muíños instou este luns á Alcaldesa a dar explicacións públicas pola situación “moi grave” vivida nas últimas horas no servizo de bombeiros da cidade, que quedou “baixo mínimos e inoperativo durante 24 horas por falta de persoal”. Segundo explicou o concelleiro non adscrito, Santiago contou cunha dotación de só seis profesionais o sábado e unicamente tres o domingo, o que fixo imposible que o servizo puidese atender ningunha saída durante o segundo día.
“É a primeira vez en máis de cen anos que o parque de bombeiros de Santiago permanece inoperativo por falta de persoal: un feito histórico que ningún goberno responsable pode permitirse” denunciou Muíños que reclama a posta en marcha de medidas urxentes para evitar que esta situación se repita a vindeira semana. Segundo alerta, a previsión é que o fin de semana próximo o servizo dependa só de catro bombeiros, o que imposibilitaría novamente que puideran acudir a calquera incidencia.
Lembra que este sábado houbo dous incendios case simultáneos que tiveron que ser atendidos pola mesma dotación, o que obrigou á intervención dos bombeiros de Boiro no incendio dun vagón na estación de tren, mentres se atendía outro lume nun local de hostalaría na Praza de Galicia.
Comparecencia inmediata
As concelleiras non adscritas reclamaron este luns a comparecencia pública inmediata da Alcaldesa para dar conta do ocorrido “e informar das medidas que, agardamos, estean a poñer en marcha xa para evitar que a situación poida repetirse”: “24 horas despois de que a cidade estivera sen servizo de bombeiros, ninguén informou nada sobre unha situación moi delicada” censuran.
Muíños criticou ademais a falta de avances no incremento da plantilla recollido no acordo de orzamentos que as non adscritas asinaron co executivo de Sanmartín e sinala ademais o impago acumulado das horas extra a Bombeiros e Policía Local desde novembro do 2024.
“Advertíamos xa o mes pasado que o goberno local debía máis dun ano de horas extra que, no caso deste servizo, son fundamentais e case estruturais para que funcione” sinala Muíños, que sinala que o déficit de persoal obriga a recorrer con regularidade ás horas extraordinarias para garantir a correcta prestación do servizo, apunta tamén que a pesar de que o mes pasado “o goberno local nos dixo que se ían aboar con carácter inmediato, seguen sen cobrar”.
O concelleiro non adscrito, que fora responsable do servizo de Bombeiros, pide rigorosidade ante cuestións que comprometan a seguridade da cidadanía e lembra outro episodio no que, os impagos, comprometeron tamén a prestación do servizo: en outubro do 2024 os coches de policía Local e bombeiros estiveron sen poder repostar 17 horas. Nese momento o problema fora o impago á empresa responsable do subministro o que impediu que os vehículos municipais puideran repostar.
En calquera caso, sinala Muíños que os problemas da xestión contable do goberno local “xa se ve como teñen consecuencias directas en servizos fundamentais”. Pide “responsabilidade, explicacións inmediatas e a posta en marcha das medidas necesarias para evitar que o servizo volva estar inoperativo”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.