O circuíto Coruña Corre pechará a súa edición deste ano o 23 de novembro en Novo Mesoiro
Nuno Moure e Alba Raso gañaron a Carreira Popular do Ventorrillo, penúltima proba neste ano do circuíto de carreiras populares Coruña Corre. Máis de 1.200 persoas participaron nesta carreira nas súas distintas categorías.
“Celebramos que tantas persoas se acheguen cada domingo as carreiras populares que organizamos, froito do interese da cidadanía por hábitos de vida máis saudables”, indicou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes, que participou na entrega de premios. Ademais de Nuno Moure, na categoría masculina subiron ao podio Abdelaziz Fatihi como segundo clasificado e Daniel Fuentescomo terceiro. Na proba feminina, tras Alba Raso chegaron á meta Noa Mirantes como segunda e Inés Papín como terceira.
A proba absoluta contou con algo máis de 5 quilómetros de percorrido, con saída desde a rúa Alcalde Salorio Suárez, alternando treitos de asfalto e outros de pistas de terra polos barrios do Ventorrillo e A Silva. Tras esta proba só queda a derradeira carreira de Coruña Corre, que se disputará o domingo 23 de novembro en Novo Mesoiro. As inscricións abriranse nos vindeiros días.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.