Cun investimento de case 280.000 €, os traballos incluíron a construción dunha nova EDAR prefabricada de formigón e dunha rede de colectores para augas fecais
A Xunta, a través do organismo hidráulico Augas de Galicia, acaba de entregar ao Concello de Coirós a obra de saneamento do núcleo de Anta unha vez completados os traballos previstos co obxectivo de dotar por primeira vez deste servizo á veciñanza da zona.
Cun investimento total de case 280.000 euros, as obras executáronse no marco dun convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e o Goberno municipal, con financiamento europeo a través do programa operativo FEDER.
Tendo en conta que a poboación de Anta empregaba fosas sépticas individuais como único sistema de saneamento, o proxecto construtivo definiu as actuacións necesarias para a instalación dunha rede de colectores para augas fecais e a construción dunha estación depuradora de augas residuais (EDAR).
En concreto, os traballos permitiron instalar 26 pozos de rexistro de formigón prefabricado de 12 centímetros de espesor e unha nova EDAR prefabricada de formigón, composta por arqueta de desbaste, decantador-dixestor primario, arqueta de descarga/repartición, leito bacteriano, arqueta de inspección e pozo filtrante.
As obras foron recibidas e entregadas hai uns días ao Concello de Coirós, que a partir de agora asume a explotación, mantemento e conservación das novas infraestruturas, que darán servizo a unha poboación duns 50 habitantes equivalentes (sumando a poboación real e a estacional así como as necesidades da industria e do comercio da zona).




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.