Actuación das Pandereteiras da Asociación Cultural Xacarandaina que tivo lugar este serán na Casa da Cultura de San Sadurniño. Unha sesión na que repasaron unha parte do seu extenso catálogo de pezas recollidas desde 1978 por distintos puntos de Galicia.
A actuación, encadrada no ciclo Outono das Artes da Deputación da Coruña, foi a elixida polo departamento municipal de Igualdade do Concello de San Sadurniño para poñerlle o ramo ás actividades escénicas organizadas co gallo do Día Internacional da Muller Rural.
“Estámoslle agradecidísimas ás Pandereteiras de Xacarandaina por ternos traído tanta arte á Casa da Cultura. Grazas por iso e por levar tanto tempo reunindo, gardando e transmitindo a nosa música e a nosa poesía oral. Este e outros colectivos son continuadores en certa maneira o labor que durante xeracións fixeron maiormente as mulleres, sobre todo as das vilas e zonas do rural costeiro e interior”, comentou a concelleira de Igualdade, Araceli Bellas.
Dentro das propostas da Muller Rural, durante esta semana aínda se poderá visitar na galería da Casa do Concello a exposición “Primixenias”, con pezas deseñadas por Carme Romero e Luisa da Silva. Ambas artistas réndenlle tributo ás mulleres con obras nas que se integran a cerámica e as fibras vexetais.
A colección, que ocupa dúas alas da galería, está aberta polas mañás durante o horario de atención ao público das oficinas municipais, e o venres tamén pola tarde entre as 16:30 e as 19:00h con presenza das autoras.
Ao seu remate, “Primixenias” cederalle o espazo aos paneis da exposición “Castelao. De Sempre en Galiza ao Consello de Galiza (1934-1944)”, que permanecerá na sala do 4 ao 30 de novembro.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.