Monday 27 de October de 2025

Ribeira non esquece ás vítimas do coronavirus


 A alcaldesa e a presidenta de Amas de Casa tomaron a palabra, ademais de proceder coa ofrenda floral e minuto de silencio

Palabras emotivas de recordo para as persoas falecidas a causa da COVID-19 e de agarimo para os seus familiares centraron a homenaxe promovida pola Asociación Amas de Casa de Ribeira coa colaboración do Concello na tarde de hoxe; un acto no que participaron veciños e veciñas, membros da Corporación municipal e representantes do tecido asociativo. A carón do monumento erixido na praza de España, houbo momento para poñer voz aos sentimentos, pero tamén para o minuto de silencio que gardaron os asistentes en sinal de respecto, ademais da ofrenda floral na escultura.

Para a alcaldesa, María Sampedro, este acto “é a mostra de afecto, recordo e respecto de todo un pobo ás vítimas dun dos episodios máis tristes e abrumadores da nosa historia recente. Foi moi duro asistir a como, cada día, aumentaba o número de contaxios e de falecidos. Pero non son cifras. Estamos falando de persoas, familias, amizades, veciños… De aí o motivo desta homenaxe que vai dirixida a todas aquelas persoas que non puideron ser despedidas na compaña dos seus seres queridos e co que tamén queremos arroupar e dar folgos a esas familias que afrontaron o duelo sen a proximidade dos seus.” Durante a súa intervención, a rexedora aproveitou a ocasión para poñer en valor o traballo desenvolvido polos equipos sanitarios e tódolos profesionais que garantiron a cobertura dunha atención e servizos básicos.

En sentido similar tamén se expresou a presidenta da Asociación Amas de Casa de Ribeira, Puri Cores, para quen resulta emotivo falar sobre a pandemia. Cores rememorou as imaxes dos féretros nos medios de comunicación e o pesar da xente que tivo que dicir adeus aos seus parentes sen un velorio e acompañamento no enterro. Por iso, a entidade que preside impulsou este monumento que foi inaugurado en outubro de 2021 para, ano tras ano, facer este acto “dende a humildade, o cariño, o respecto” converténdose así Ribeira no “primeiro municipio en acordarse de tódalas vítimas de COVID.”

Deja un comentario