Saturday 25 de October de 2025

O Concello de Carballo solicita unha reunión coas consellerías de Mar e Medio Ambiente coa finalidade de desbloquear a solución á acumulación de area na ría de Baldaio


O alcalde de Carballo, Daniel Pérez, vén de solicitar unha reunión coas consellerías de Mar e Medio Ambiente da Xunta de Galicia coa finalidade de desbloquear unha intervención que poida frear a acumulación de area na ría de Baldaio. Despois de catro meses sen conexión directa entre a lagoa e o mar, os riscos van en aumento tanto desde o punto de vista da actividade marisqueira como do mantemento do ecosistema, e xa empeza a converterse nun problema de saúde pública pola proliferación de insectos.
O alcalde e o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, mantiveron unha xuntanza co presidente da Agrupación de Mariscadores Fonte de Santa Helena, Alberto Sánchez, que expresou a súa preocupación pola perda da salinidade, que pode ser fatal para a produción marisqueira. Desde a entidade tense solicitado a intervención da Xunta de Galicia, administración competente nese ámbito, pero polo momento non recibiron resposta, segundo manifestaron.
Tanto os mariscadores como o goberno municipal comparten preocupación pola reiteración deste tipo de fenómenos, especialmente frecuentes nos últimos cinco anos. Por parte do Concello de Carballo, como xa se ten feito noutras ocasións, manifestouse todo o apoio e a disposición a colaborar como interlocutor coa Administración autonómica, tanto para atallar o problema existente na actualidade como, sobre todo, para buscar unha solución a longo prazo.

Deja un comentario