Saturday 25 de October de 2025

A Coruña acolle este sábado a Regata de Dragóns, enmarcada no Nautical Festival 2025


O concelleiro de Cultura e Turismo acudiu hoxe á presentación sinalando o apoio deste tipo de eventos á “desestacionalización” turística

Este sábado A Coruña volverá situarse no mapa nacional da náutica coa II edición da Regata de Dragóns, que se desenvolverá en horario de mañá nas augas do dique de abrigo e co castelo de San Antón como punto de saída.

Este é o segundo evento deportivo integrado no Nautical Festival tras acoller, a pasada fin de semana, o Trofeo Cidade da Coruña de Vela Feminina organizado polo Real Club Náutico da cidade no que competiron ata oito tripulacións femininas de diferentes puntos de España.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou esta tarde no acto de presentación da Regata de Dragóns destacando o apoio do Goberno de Inés Rey á “celebración dunha proba deportiva desta magnitude na Coruña que ademais é unha oportunidade única para demostrar que turismo e deporte son unha parella perfecta, sobre todo cando a través do deporte é posible mostrar o noso patrimonio histórico e arquitectónico”. O edil tamén sinalou o impacto positivo deste tipo de turismo que “nos permite desestacionalizar o sector e potencialo en épocas máis complicadas”.

Na presentación tamén estiveron presentes o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez; e unha representación das tripulacións dos clubs de Dragóns da Coruña: Bolboretas e Auga, que participarán nas diferentes competicións esta fin de semana.

Deporte como terapia contra o cancro

Destaca nesta segunda edición de Regata de Dragóns a categoría BCS (as siglas en inglés de Breast Cancer Survivors), aquela na que as súas tripulantes usaron este deporte como terapia na loita contra o cancro fortalencendo o seu sistema inmunitario, disminuíndo a fatiga e axudándolles na recuperación da enfermidade a nivel físico e mental.

Eventos programados para novembro

O deporte náutico será de novo protagonista en novembro cunha exhibición de esquí náutico, wakeboard, wakesurf e vela. Neste último caso, terá lugar o Trofeo Aurelio Fernández Lage de Optimist.

Deja un comentario