Máis de 2.800 persoas pasaron ao longo deste ano pola Oficina de Turismo de Neda. O punto de recepción e información ao visitante pechaba o pasado 15 de outubro, tras ter recibido a un total de 2.831 persoas. Delas, case o 62 % foron peregrinos do Camiño Inglés, que fixeron noite no albergue da localidade, situado xusto ao lado.
O servizo, que estivo operativo durante catro meses co apoio da Deputación da Coruña, permitiu, un ano máis, mellorar a información en destino e coordinar a recepción de romeiros e romeiras na vila. As súas estatísticas constatan, entre outras cuestións, o momento doce que vive o Camiño Inglés e que setembro gana cada vez máis adeptos para as vacacións.
Así, o noveno mes do ano emerxe como a opción favorita, só por detrás de agosto, para viaxar, para facer o Camiño e para descansar. Neste mes pasaron pola pequena caseta, que o Concello estreaba a comezos do verán, 785 persoas, fronte ás 631 de xullo. Agosto mantense no máis alto con case 900 visitas na procura de información. Moitas delas corresponden aos peregrinos e peregrinas que finalizaron a primeira etapa da ruta xacobea que parte do porto de Curuxeiras en Neda.
Durante a tempada alta utilizaron este aloxamento da rede pública ao redor de 1.800 peregrinos, máis estranxeiros que españois. E as dependencias colgaron o cartel de completas nunha vintena de xornadas, sendo a última a da Festa do Pan.
E precisamente o Camiño, dada a localización da oficina, concentrou o groso das consultas atendidas polos técnicos do servizo (igrexas, elementos monumentais, locais de hostalería…) xunto a información sobre os recursos turísticos do municipio, destacando principalmente o interese pola fervenza do Belelle e por posibles rutas.
Por último, cómpre apuntar que a presenza de técnicos permitiu realizar accións de promoción en citas turísticas como Primavera no Camiño Inglés e máis Equiocio Ferrol, eventos nos que se promocionou fundamentalmente a Festa do Pan, declarada de interese turístico de Galicia.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.