Entre outros servizos, acollería o comedor escolar e a actividade do programa Madruga.
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira de Educación, Patricia Bello, mantiveron en Santiago de Compostela unha reunión co conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e co secretario xeral técnico, Manuel Vila. O encontro tivo como obxectivo trasladar a necesidade de dotar ao CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco cun novo local polivalente que poida empregarse como comedor escolar, espazo para o programa Madruga e para outros usos da comunidade educativa, como a realización de reunións ou actividades complementarias.
Durante a xuntanza, os representantes municipais explicaron que a proposta busca mellorar as condicións do servizo que se ofrece ao alumnado e incrementar a accesibilidade das instalacións actuais.
Os responsables da Consellería consideraron a solicitude axeitada ás necesidades actuais do centro e comprometéronse a realizar un estudo técnico para valorar as diferentes opcións e determinar a máis viable e óptima. O obxectivo é que o novo espazo poida estar á disposición do colexio á maior brevidade posible.
O alcalde subliñou a importancia desta actuación como un paso máis na mellora continua das infraestruturas educativas municipais grazas á colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia coa fin de ofrecer ao alumnado, profesorado e familias unhas instalacións de maior calidade e confort.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.