Friday 24 de October de 2025

Avanza a modificación do PXOM no ámbito do antigo colexio Peleteiro e o goberno levará a súa aprobación provisional ao próximo pleno


O goberno de Santiago levará ao próximo Pleno da corporación municipal a aprobación provisional da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) no ámbito do PERI-12, a parcela do antigo colexio Peleteiro, situada no corazón do Ensanche. Tras a súa aprobación inicial en febreiro deste ano, a modificación puntual someteuse a información pública durante dous meses, período en que se formularon tres alegacións. Este luns día 27 terá lugar a Comisión informativa de Urbanismo en que, entre outros asuntos, o concelleiro Iago Lestegás explicará a documentación e os trámites realizados. O próximo xoves será a votación para a aprobación provisional da modificación puntual do PXOM e, nuns meses, podería aprobarse de forma definitiva.
Avanza a modificación do PXOM no ámbito do antigo colexio Peleteiro e o goberno levará a súa aprobación provisional ao próximo pleno
A modificación puntual do PXOM neste ámbito é a primeira revisión de usos que sae adiante desde 2003 e ten varios obxectivos. Por unha banda, preténdese revisar a ordenación de usos vixente con dous fins específicos: protexer o comercio de proximidade que define e lle dá carácter ao Ensanche, evitando a implantación dun centro comercial; e priorizar o uso residencial introducindo ademais unha reserva importante de vivenda protexida no centro da cidade.

Neste sentido, o concelleiro de Urbanismo aclarou que o plan vixente establece unha superficie máxima de uso residencial de 4.500 m2, mentres que a ordenación proposta permite ata 16.300 e obriga a destinar a vivenda protexida polo menos o 45% da superficie total edificable, excluída a planta baixa. Con esta modificación, indicou, o uso residencial pasa de ser opcional e minoritario a ser o uso característico e elimínase o uso hoteleiro, que de acordo coa ordenación vixente podería ocupar ata 7.000 m2.

O segundo obxectivo xeral é redefinir a volumetría para crear espazos urbanos de calidade. Así, redúcese a edificabilidade de 23.500 a 19.000 m2 construídos de uso lucrativo, mantendo o aproveitamento urbanístico e mais as dotacións públicas de cesión obrigatoria definidas en 2005: un equipamento público de 900 m2 e un espazo libre público de 1.395 m2. Deste modo, Lestegás explicou que se configura un espazo público de calidade orientado ao sudoeste (cara á rúa de San Pedro de Mezonzo), pero cun acceso amplo e diáfano dende o norte (dende a rúa da República Arxentina).

Alegacións

En canto ás alegacións, na primeira delas, presentada por unha comunidade de propietarios da contorna, móstrase a conformidade coa ordenación aprobada inicialmente pero solicítase, entre outras cousas, extremar as precaucións na execución da obra para paliar posibles afeccións ao seu edificio.

Na segunda, presentada por varias comunidades de propietarios da contorna, alégase que a proposta vulnera os criterios actuais do urbanismo, cuestiónase o procedemento de tramitación, solicítase a rehabilitación do edificio existente para usos públicos e descríbense afeccións concretas aos seus edificios.

Na terceira, presentada por un particular, alégase que a modificación proposta despreza o desenvolvemento urbano sostible e fanse varias consideracións de carácter xurídico.

Tras examinar as alegacións presentadas, no bloque máis grande amplíase o recuamento do primeiro ático de 1 a 2,5 metros na zona de contacto co edificio sito no número 13 de República Arxentina, e recúase tamén este ático 2,5 metros respecto ao patio, mantendo os 3 metros xa definidos no documento inicialmente aprobado con respecto á fachada orientada á praza. Ao incrementar o recuamento deste ático, mellórase a relación da nova edificación con respecto aos edificios da contorna.

Espazos de calidade

A memoria xustificativa do documento de planeamento garante espazos de calidade, incluíndo condicións axeitadas de iluminación e ventilación como recollen as Normas de Habitabilidade de Galicia. Ademais, introdúcense condicións para a urbanización do espazo libre público que deberá executar a propietaria dos terreos edificables simultaneamente á construción dos novos edificios: plantación de árbores, sistemas de drenaxe urbana sostible e pavimentos permeables, actuacións complementarias nas rúas de San Pedro de Mezonzo e República de Arxentina para garantir a integración co novo espazo público e perspectiva de xénero e accesibilidade universal no deseño do espazo público.

A proposta de modificación de planeamento contou coa conformidade da Sareb, propietaria do terreo, a través dunha carta do seu director á alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. En xuño deste ano, tras unha reunión en Santiago entre a rexedora e a ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, en que tamén participou o concelleiro de Urbanismo, o Goberno anunciou a inscrición desta parcela na nova Empresa Pública de Vivenda do Estado no marco do traspaso de activos da Sareb, un proceso que está en marcha.

Aprobación definitiva do PEID para a implantación do IDIS

Por outra banda, o goberno tamén proporá ao Pleno a aprobación definitiva do Plan especial de infraestruturas e dotacións (PEID) que ordena a implantación do novo edificio do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) na Choupana, nun ámbito cualificado como equipamento universitario ao sur da avenida do Mestre Mateo. O ámbito do PEID ten unha superfice de 5.817 m2 e a maior parte del corresponde a unha parcela de 4.278 m2, propiedade da Compañía de Xesús, onde se prevé a construción do edificio e que o IDIS se compromete a adquirir, pero debe incorporarse a dominio público.

Deja un comentario