O importe total das subvencións ascende a un total de 105.800,00 €
Se na pasada semana asináronse os convenios das Subvencións Nominativas para entidades culturais, deportivas, de ensino e promoción económica; esta semana aprobouse a concesión das subvencións a entidades sen fins de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, do exercicio 2025.
Isto é o resultado dunha das prioridades políticas do Concello de Fene: fomentar a participación da cidadanía como xeito de contribuír á democratización da sociedade e impulsar a extensión do uso social do galego, contribuíndo á normalización do seu uso en todos os ámbitos; e dende esta perspectiva, o apoio ao movemento asociativo no seu normal funcionamento e no desenvolvemento das actividades que lle son propias, constitúe un dos piares da actuación municipal.
Coa aprobación das bases que rexeron esta convocatoria de concorrencia competitiva, publicadas no BOP do 04.09.2025 (núm. 168), establecéronse os criterios e o procedemento para canalizar o citado apoio mediante a concesión de subvencións municipais destinadas a prestar servizos e realizar as actividades que complementen ou suplan aos atribuídos á competencia municipal ou que, en xeral, contribúan ao fomento dos intereses xerais ou sectoriais da veciñanza de Fene, subvencións que se outorgan en base aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade.
Rematado o prazo de presentación de solicitudes e emitido pola Comisión Avaliadora o preceptivo informe-proposta (do pasado día 17 de outubro), a Xunta de Goberno Local, en xuntanza que tivo lugar este xoves 23 de outubro, aprobou a concesión de subvencións ás 30 entidades que se acolleron a esta convocatoria. Consonte aos criterios de baremación establecidos nas Bases, os 105.800 € consignados distribuíronse do seguinte xeito:
• 6.000 €, entre 5 ANPAS
• 44.800 €, entre 12 entidades culturais e veciñais.
• 55.000 €, entre as 13 entidades deportivas solicitantes.
As sociedades beneficiarias destas subvencións teñen de prazo até 21 de novembro para achegar, a través da sede electrónica municipal, a documentación xustificativa do do cumprimento do obxecto da subvención.”



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.