Friday 24 de October de 2025

A Coruña celebra o 50 aniversario do disco ‘Rosalía de Castro’ de Amancio Prada cun concerto especial


As últimas entradas para a actuación do 16 de novembro no Teatro Rosalía de Castro continúan á venda

O Palacio Municipal de María Pita acolleu esta mañá a rolda de prensa de presentación do concerto especial de Amancio Prada que conmemora os 50 anos da publicación do seu emblemático álbum Rosalía de Castro (1975), unha obra fundamental na historia da música galega e ibérica. O recital terá lugar o vindeiro 16 de novembro no Teatro Rosalía de Castro, un escenario especialmente simbólico para esta homenaxe.

A alcaldesa, Inés Rey, recibiu en María Pita ao artista antes da presentación, felicitándoo pola súa exitosa carreira e desexándolle moita sorte nesta actuación tan especial. Ao acto asistiron Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, Roberto Parga, presidente do Circo de Artesáns, e o propio Amancio Prada. “Desde o Goberno de Inés Rey estamosplenamente comprometidos co patrimonio musical galego e poder contar nun dos espazos culturais de referencia do Estado con este concerto histórico é un orgullo e un privilexio para esta cidade”, sinalou Castro.

O vindeiro 16 de novembro, o Teatro Rosalía de Castro acollerá este concerto de Amancio Prada, un dos grandes referentes da canción de autor e da poesía musicada en lingua galega e castelá. O recital adquire un valor especial ao coincidir co 50 aniversario da publicación do seu emblemático álbum Rosalía de Castro (1975), unha obra fundacional que transformou a relación entre a música e a poesía galega ao converter en canción os versos da autora de Follas novas e Cantares gallegos.

Aquel disco, pioneiro e profundamente emotivo, abriu camiños novos na música ibérica e consolidou a ligazón entre Prada e a palabra poética de Rosalía, unha unión que segue viva medio século despois. Será unha ocasión idónea para revivir algúns dos temas máis queridos deste disco.

Hai cincuenta anos, Prada iniciou unha viaxe musical e vital que o levou ao corazón da obra da poeta galega. Aqueles primeiros versos musicados convertéronse en parte da memoria colectiva, e dende entón o seu canto foi medrando e madurando nun diálogo íntimo coa palabra de Rosalía.

Este recital propón un percorrido por ese camiño: das cancións primeiras, de pureza desnuda, ás novas relecturas cheas de experiencia e sabedoría. A voz de Amancio Prada, hoxe máis ca nunca, resoa como eco dun longo camiñar, gardando a devoción do inicio e a plenitude de quen fixo da poesía o seu destino.

Máis que un aniversario, trátase dunha cerimonia de gratitude, unha ocasión única para volver escoitar un repertorio fundamental da nosa cultura e comprobar como a música e a poesía seguen a tecer pontes de emoción e memoria compartida. As últimas entradas continúan á venda a través de Ataquilla.

Sobre Amancio Prada

Amancio Prada (Dehesas, León, 1949) é un dos grandes nomes da canción de autor en España. Ao longo de máis de cinco décadas de carreira, Amancio Prada recibiu numerosos recoñecementos, entre eles a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes (2010), a Galleta de Ouro no Festival da Mocidade (1969), a Medalla Castelao (1995), o Premio da Cultura Galega (2019) ou o European Guitar Foundation (2021).

O seu legado combina composicións propias e adaptacións de textos que abranguen desde as Cantigas medievais ata autores contemporáneos como Lorca, Cunqueiro, Carmen Martín Gaite, Juan Carlos Mestre e a propia Rosalía de Castro, configurando un amplo percorrido pola lírica ibérica.

Desde a súa presentación en París en 1972, compartindo escenario con Georges Brassens, actuou nos principais teatros e festivais nacionais e internacionais, entre eles o Festival Internacional de Música e Danza de Granada, o Festival de Mérida, o Festival de Teatro Clásico de Almagro, Les Francofolies de La Rochelle ou o Festival de Ravenna.

Deja un comentario