Friday 24 de October de 2025

As entidades memorialistas de Ferrolterra poden solicitar a incorporación ao Consello da Memoria democrática de Neda


Tras a aprobación do regulamento do Consello da Memoria Democrática do Concello de Neda, o goberno local vén de acordar o inicio dos trámites para a constitución deste ente municipal, cuxas funcións serán informar, asesorar e facer propostas ao respecto da Lei de Memoria Democrática. Nesta liña, busca a implicación das entidades que, dentro da nosa comarca, levan tempo traballando neste ámbito.

Neste sentido, a administración local anuncia o proceso para que tanto historiadores e historiadoras con recoñecido prestixio no eido da investigación memorialista de Ferrolterra como as entidades memorialistas “con recoñecido traballo na bisbarra” poidan solicitar a súa participación neste consello. O órgano, presidido polo alcalde, contará ademais como vocais con representantes dos distintos grupos políticos municipais.

Segundo recolle o regulamento municipal, figuran como finalidades deste consello, con sesión ordinarias semestrais, o asesoramento nos asuntos relacionados coa aplicación no termo municipal da Lei de Memoria Democrática/Histórica; favorecer a reparación e dignificación dos veciños e veciñas que padeceron calquera tipo de represalia pola ditadura franquista; impulsar a investigación e difusión dos aspectos e episodios históricos ou sociais do Concello de Neda que fosen silenciados ou terxiversados pola ditadura franquista.

Deja un comentario