Friday 24 de October de 2025

López Campos erixe o papel das bibliotecas como esencial “na difusión cultural e no pulo á lectura”


— O representante autonómico destacou a programación destes centros con propostas como ‘Ler Conta Moito’ que suma máis de 100.000 participantes nos últimos tres anos

— A iniciativa, impulsada pola Xunta de Galicia para dinamizar a lectura nas bibliotecas públicas, acolleu máis de 3.000 actividades desde o 2022

— O conselleiro anunciou que as contas de 2026 inclúen un investimento de 2,45M € para estes recursos, así como a presentación do terceiro Mapa de Bibliotecas de Galicia o vindeiro ano

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, celebrou hoxe o “papel das bibliotecas como difusores culturais e pulo á lectura”. Fíxoo na súa visita á biblioteca Miguel González Garcés en A Coruña, no marco da conmemoración do Día das Bibliotecas, onde puxo en valor a programación posta en marcha desde estes recursos.

Neste senso, o representante de Cultura do Goberno galego destacou a organización de propostas como o programa Ler Conta Moito que suma xa máis de 100.000 participantes nos últimos tres anos. “Non hai dúbida do éxito total da iniciativa”, salientou, “e de que debemos sacar peito das nosas bibliotecas e do seu persoal, que reciben unha valoración moi positiva por parte dos seus usuarios, acadando o 8.4 en 2024”.

Cómpre lembrar que a proposta Ler Conta Moito busca favorecer o enriquecemento cultural e o acceso da cidadanía a unha programación de calidade, en liña cos obxectivos da Lei da cultura accesible e inclusiva de Galicia. Desde o ano 2022, acolleu 3.372 actividades nos 300 centros que conforman a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

“O compromiso do Goberno galego co impulso da lectura e das nosas bibliotecas é firme, e así o demostra o investimento de 2,45 millóns de euros que se inclúe nos orzamentos para 2026”, explicou López Campos, que anunciou que o próximo ano presentarase tamén o terceiro Mapa de Bibliotecas públicas de Galicia, unha ferramenta de avaliación e diagnóstico para a mellora dos servizos bibliotecarios en todos os centros integrados da rede galega.

Así mesmo, con esta achega o vindeiro ano continuarase tamén co programa de As Furgotecas, o servizo das bibliotecas móbiles de Galicia, que a través de tres furgotecas atende as persoas de 30 concellos da provincia de Lugo e Ourense que carecen de biblioteca municipal e co ambicioso programa de bolsas para a formación en bibliotecas, arquivos e museos con máis de 70 postos dispoñibles.

Deja un comentario