Friday 24 de October de 2025

Axendas deste sábado en San Sadurniño


Sábado, 19:00h, Casa da Cultura
Actuación das Pandereteiras de Xacarandaina
O mes dedicado ás mulleres do rural pecharase coas Pandereteiras de Xacarandaina, grupo pertencente á asociación do mesmo nome creada na Coruña en 1978 que é todo un referente no país polo seu traballo de recuperación, preservación e difusión do noso patrimonio inmaterial. Un labor que foi posible grazas a séculos de transmisión oral, principalmente de nais a fillas.

A súa actuación en San Sadurniño -grazas á Rede Cultural da Deputación- coincide, ademais, co ano en que as Letras Galegas se lle dedicaron ás cantareiras e á poesía popular oral.

A entrada é gratuíta, pero cómpre reservar entradas no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal.

Sábado, 20:15h, Local social da Golpilleira
Actuación do Trío Detrés
Humor e música xúntanse na proposta “Máis ritmo” do Trío Detrés que, como todos os tríos, está composto por tres músicos: Félix Rodríguez, Olivier Cano e Óscar Prieto. Baixo a dirección de Fran Rei asistiremos a un concerto de temas propios, versións de pezas populares e divertidos arranxos para un programa que tamén vén cargado de improvisacións e situacións cheas de humor.
Trátase dun espectáculo para todos os públicos e con entrada de balde organizado pola Asociación Cultural Santa Mariña do Monte que chega ao local social da Golpilleira grazas á colaboración do Concello de San Sadurniño e da rede Dinamiz-ARTJ do Instituto para a Transición Xusta.

Festexada en DZINE
Lembramos, ademais, que este sábado, ao ser último de mes, tamén toca foliada libre no Café DZINE. A partir das 22:30h alí xuntaranse beiladores e beiladoras, percusionistas, cantareiras e cantareiros e, por suposto, gaitas, para pasar unha noite de troula ben entretida.

O domingo ao mediodía o local tamén terá sesión vermú a partir das 13:00h animada polo dúo de voces e guitarras Pan de Millo. No exterior haberá polbeira para tomar unha táboa alí mesmo ou levar para a casa (polbo e pan, 15€ ración).

Volei no municipal ás 19:30h
As citas desta fin de semana inclúen tamén voleibol da SM2. O Aldebarán Intasa recibirá mañá ao CV Gupane, da localidade canaria de Guía. O partido comezará ás 19:30h e poderá seguirse ao vivo a través das redes sociais do equipo local.

Deja un comentario