O Concello de Oleiros leva reclamando desde hai máis de dous anos a necesidade de renovación da pasarela de Santa Cruz. Malia que o Ministerio de Transición Ecolóxica aceptou as solicitudes do Concello e está a realizar os trámites previos á obra, urxe acelerar o proceso ante o estado de deterioración da pasarela, cada vez máis visible.
En cumprimento do compromiso acadado co Goberno municipal, o Goberno central procedeu á contratación da redacción do proxecto de construción dunha nova pasarela de acceso ao Castelo de Santa Cruz. Urxe concluír o proxecto canto antes e contratar a obra o antes posible, para a que se estima un custo de 1 millón de euros.
O Concello presentara un anteproxecto e diversos informes técnicos que avalaban a urxente necesidade de actuar por cuestións de seguridade. O secretario de Estado de medio ambiente comprometérase co alcalde e co concelleiro de Obras Públicas a realizar a obra e así o está a facer, aínda que urxe acelerar os prazos.
Milleiros de persoas transitan durante todo o ano pola pasarela para acceder ao castelo, un dos espazos públicos máis destacados de Oleiros e un dos grandes reclamos turísticos de Galicia.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.