— O representante do Goberno galego destaca a achega de máis de 318.000€ realizada desde 2024 para recuperar a torre sur
— Salienta o “importante e constante esforzo” no coidado e conservación deste inmoble catedralicio, cun investimento de máis de 850.000€ desde 2009
— Estes traballos realízase ao abeiro do Plan Catedrais Galicia, a folla de ruta dotada con 38 M€ co horizonte do Xacobeo 2027
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe que a Xunta rematará no primeiro trimestre de 2026 os traballos de restauración da concatedral de San Xiao de Ferrol. Fíxoo nunha visita, xunto coa delegada territorial do Goberno galego, Martina Aneiros, a estas actuacións que contan cunha achega de máis de 318.000€ para recuperar a torre sur deste Ben de Interese Cultural.
Tal e como explicou o máximo responsable de Patrimonio do Executivo autonómico, estas obras, iniciadas en 2024, están a resolver os problemas de deterioración vencellados co paso do tempo, coas inclemencias meteorolóxicas e coa polución. Así, precisou que as intervencións teñen como fin actuar sobre elementos afectados pola corrosión.
Neste senso, López Campos adiantou que neste tramo final de remate das obras levaranse a cabo a impermeabilización nas fachadas e as restauracións das pedras da torre do campanario e da escaleira da torre sur, na que se procederá a levar a cabo a instalación eléctrica.
O conselleiro lembrou que estas actuacións dan continuidade aos traballos realizados ao abeiro dun convenio en 2023 de colaboración entre o Goberno galego e a Diocese de Mondoñedo-Ferrol. Ao respecto, aclarou que, naquel momento, as achegas da Administración autonómica foron dirixidas á restauración da torre norte e a resolver as patoloxías da fachada e da cuberta das cúpulas cunha achega de 450.000 euros.
“Este número de actuacións reflicten o importante e constante esforzo no coidado e preservación deste inmoble catedralicio por parte da Xunta, tal e como demostra os investimentos de máis de 850.000€ que levamos realizado desde 2009”, enxalzou López Campos.
Plan Catedrais
Finalmente, o representante do Goberno galego fixo fincapé en que esta actuación forma parte da liña de traballo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para “conservar e pór en valor o patrimonio máis sobranceiro” da Comunidade ao abeiro do Plan Catedrais Galicia 2021-2027.
Ao respecto, destacou que se trata da folla de ruta para actuar nos templos catedralicios de Galicia co horizonte de 2027 e conta con 38 millóns de euros para actuar en oito templos: as catedrais de Santiago de Compostela, Lugo, Mondoñedo, San Martiño de Ourense e Tui, a antiga catedral de San Martiño de Mondoñedo de Foz e as concatedrais de San Xiao de Ferrol e Santa María de Vigo.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.