A proba, penúltima do circuíto Coruña Corre, celebrarase o domingo
Este domingo celebrarase a penúltima carreira do circuíto de carreiras populares Coruña Corre. Trátase da Carreira Popular do Ventorrillo, cita para a que xa está a inscrición pechada e máis de 1.300 persoas confirmaron a súa asistencia.
“Desde o Goberno de Inés Rey estamos moi satisfeitos co desenvolvemento deste circuíto, que é xa unha referencia das carreiras populares a nivel galego”, indicou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes. Na proba absoluta será de algo máis de cinco quilómetros: sairá da rúa Alcalde Salorio Suárez e alternará treitos de asfalto con outros por pistas de terra, tanto polo Ventorrillo como pola parte alta da Silva.
Ademais, á disputa da proba en categoría absoluta sumarase, como xa é habitual, a celebración da carreira en categorías inferiores, desde sub-18 a peques. Haberá saídas graduais entre as 11.15 e as 12.30 horas e tamén percorridos diferenciados en función das idades das rapazas e rapaces participantes.
As persoas participantes poderán recoller os seus dorsais o propio domingo 26, desde as 9.00 horas, no local da Asociación de Veciños do Ventorrillo (Rúa Alcalde Salorio Suárez, 26, Baixo). Haberá servizo de duchas no polideportivo municipal do Ventorrillo ata as 13.00 horas e gardarroupa no local da asociación veciñal. A entrega de premios celebrarase na praza Salvador de Madariaga a partir das 13.00 horas.
Antón Gómez e Inés Alfonso lideran a clasificación xeral absoluta
A só dúas probas de que remate esta edición, o circuíto Coruña Corre 2025 promete emocións fortes neste treito final de tempada. As carreiras do Ventorrillo e Novo Mesoiro porán a proba os actuais ocupantes do podio na categoría absoluta.
Tras cinco carreiras disputadas, á fronte da clasificación masculina está Antón Gómez López, seguido por Daniel Fuentes Bardanca e Paulo Cameselle Juiz. Na feminina, a primeira posición é para Inés López Alfonso, con Noelia Souto e Inés Papín tras ela.
Afeccións ao tráfico
Con motivo da celebración desta proba, a Policía Local prepara un dispositivo especial de tráfico no conxunto do percorrido. De 7.00 a 14.00 horas cortarase a rúa Alcalde Salorio Suárez, entre Alcalde Jaime Hervada e Mosteiro de Caaveiro. De 9.45 a 10.30 horas permanecerán pechadas ao tráfico, ademais, as rúas Mosteiro de Caaveiro (entre Alfredo Tella e Alcalde Liaño Flores) e Alcalde Jaime Hervada (desde Liaño Florez a Pintor Francisco Miguel).



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.