Friday 24 de October de 2025

Ribeira volve homenaxear ás vítimas do coronavirus neste sábado


 O acto está promovido pola Asociación Amas de Casa co apoio do Concello

Un ano máis, a cidadanía de Ribeira volverá lembrar ás vítimas da COVID-19 e trasladar o seu apoio aos familiares nun acto promovido pola Asociación Amas de Casa coa colaboración do Concello. Esta homenaxe desenvolverase no sábado, 25 de outubro, ás 18.30 horas, a carón do monumento erixido na praza de España.

Tal e como deron a coñecer o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Sanidade, Vicente Mariño, xunto coas integrantes da directiva da asociación, Puri Cores e Ramona Alborés, o acto consistirá nunha ofrenda floral, unhas intervencións en recordo dos falecidos e un minuto de silencio.

A presidenta de Amas de Casa, Puri Cores, reflexionou sobre a pandemia “na que todos vivimos o confinamento de tres meses nas nosas casas” e despois comezaron a flexibilizarse as restricións de mobilidade ata, pouco a pouco, ir recuperando a normalidade a medida que melloraba a situación sanitaria. Pero, como indicou Cores, esta pandemia deixou “un gran número de falecidos” a causa da enfermidade, enterrados sen o acompañamento dos seus familiares polas circunstancias. Por iso, dende a entidade que preside, quixeron no seu día impulsar a colocación dun monumento e “Ribeira foi o primeiro municipio en acordarse de tódalas vítimas de COVID”. Así, esta xornada repítese ano tras ano “dende a humildade, o cariño, o respecto. Todos xuntos e respectando aos que
xa non están con nós”, remarcou.

Tamén se pronunciou o edil Vicente Mariño, quen enxalzou a homenaxe organizada por “recordar a esas persoas que non puideron ser veladas polos seus seres queridos e, incluso, que foron enterradas sen acompañamento familiar” debido á pandemia. Neste senso, considera que, ademais de lembrar aos falecidos, é “unha mostra de proximidade cos seus familiares e recoñecemento do labor de tódolos equipos sanitarios e de todos eses profesionais que contribuíron a que, no noso día a día, tivésemos uns servizos básicos garantidos”, polo que animou á cidadanía a achegarse ata o praza de España neste sábado.

Deja un comentario