
Xa están na Biblioteca Rego da Balsa os simpáticos ratiños de Trinketrinke, que volveron de Lonxedetodo cargados de historias e cancións para compartir coa rapazada carballesa ata final de curso.
Este mércores visitounos a ratiña Carolina para falarnos das Familias diversas que integran a sociedade actual, pero aínda temos por diante outras catorce sesións de contos dirixidas a nenas e nenos de 4 a 8 anos.
Xa sabedes que temos función dobre cada quince días: mércores ás 17.30 e ás 18.30 horas. A entrada é de balde, pero para asistir é preciso inscribirse, xa que as prazas son limitadas. E este curso estreamos novo sistema de reserva de praza a través da páxina web carballo.gal moi similar ao de calquera plataforma de venda de entradas.
Explicámosche como facelo!
Na portada da web atoparás a axenda con todos os eventos que organiza o Concello de Carballo. Podes buscar o evento directamente no calendario ou no buscador da propia web.
Unha vez dentro verás un formulario: indica o número de prazas que queres reservar e cubre os datos.
Importante: espera o checkout e cubre os datos para formalizar a reserva.
Na Biblioteca Rego da Balsa tedes á vosa disposición a sección dos contos de Lonxedetodo, con todas as historias que os simpáticos roedores Fuco, Lilí, Carolina, Faifá e Pillo nos levan contado ao longo de tantos anos de amizade. Para este curso téñennos preparadas todas estas:
12 de novembro | Poderes hipnóticos
A gran Lilí Gruyère é unha ratiña que percorre os principais teatros do mundo cantando, bailando e facendo maxia. Hoxe preséntanos un incrible espectáculo de hipnotismo en compañía do seu amigo o rato Fuco.
Contos: A Filla do Sol e da Lúa, Onde está o meu zapato?
26 de novembro | Asociación de animais solidarios
Os ratos de Lonxedetodo formaron a Asociación de Animais Solidarios vendo os problemas que provoca o cambio climático na fauna mundial. Comezan a recibir chamadas de animais que procuran axuda.
Contos: A casa da Mosca Chosca, El gallo que no sabía cantar, El último tigre
10 de decembro | O que non sabías do Nadal
A ratiña Faifá sabe sobre a orixe do Nadal no mundo. Percorreu moitos países e coñece diferentes xeitos de festexo e os personaxes que lle levan agasallos ás nenas e nenos!
Contos: Mini enigmas de Navidad, La Navidad desconocida, Olivia recibe la Navidad.
14 de xaneiro | O coro do rato Fuco
O rato Fuco está entusiasmado co traballo que ten por diante: formar un coro, dirixilo e gañar o concurso de música coral que organiza o Concello. Para isto contará coa axuda da súa amiga Lilí Gruyère.
Contos: Herman y Rosie, Inés del revés, O gato lambón
28 de xaneiro | Ímolo pasar de medo!
Nas “veladas de medo” dos Ratos de Lonxedetodo cóntanse contos, cántanse cancións e fanse xogos: Pásase un chisquiño de medo pero sobre todo rise e divírtese.
Contos: Fab o monstro amarelo; A casiña de chocolate; La casita de turrón
11 de febreiro | Aventuras na cociña
Á parte de artista, Lilí Gruyére é unha gran cociñeira. Hoxe vai preparar en directo, con axuda sorpresa, un menú moi san. Nesta sesión trátase o tema da alimentación e propóñense hábitos saudables…
Contos: El jarrón del fondo del lago, Sopa verde
25 de febreiro | Un agasallo para Lilí
Ás veces un pode meterse en problemas por non respectar límites. Será capaz Fuco de non probar as deliciosas galletas que preparou para agasallar a Lilí Gruyère no seu aniversario?
Contos: ¡No dejes que la paloma conduzca el autobús!, Alex e o rato de corda.
11 de marzo | As illas do tesouro
A Ratiña Carolina pídelle axuda ao seu irmán Pillo para planificar unha expedición na busca dun tesouro mergullado na costa das illas Sisargas. O seu plan é rescatalo co principio científico da campá de inmersión.
Contos: Belisario, La oveja Carlota, La casa de los pequeños exploradores.
18 de marzo | Facendo teatro
Ao rato Fuco gústalle moito o teatro, sobre todo pola súa dimensión lúdica e grupal. Hoxe vai dirixir a obra “O Pequeno Raposo”, representada por algúns dos asistentes, que trás uns pequenos xogos estarán listos para actuar.
Contos: O pequeno raposo. Fábulas y Criaturas Mágicas: maquillajes, máscaras y escenificación.
1 de abril | Avós
O ciclo da vida e o respecto aos anciáns son os dous temas deste espectáculo. Faifá cóntanos como un día axudou á avoa Catuxa a plantar unha maceira. Agora cando come unha mazá, lémbrase dela. Contaranos contos que a avoa lle contou e coa música que a ela lle gustaba.
Contos: A árbore xenerosa, Avós.
15 de abril | Non máis guerras
A gran Lilí Gruyére e Fuco reflexionan sobre a guerra e as súas causas e van realizar, coa colaboración dos nenos e nenas, un experimento moi interesante. Sesión de educación para a paz.
Contos: Historia de una bala, Negros e brancos.
29 de abril | O mar
Á ratiña Faifá encántalle o mar. Gústalle ir á Praia de Lonxedetodo para miralo e soñar. Tamén dá paseos pola beira collendo cousas naturais e ás veces lixo que recicla e ao que lle da un uso ben bonito!
Contos: Chimpate Pepa, Benxamín?, El canto de las ballenas, Nadarín.
13 de maio | Cores e persoas
Un paseo respectuoso por un mundo diverso da man de Lilí Gruyére. Abórdase o problema do acoso escolar e dáse a coñecer a realidade transxénero na infancia (coa colaboración da psicóloga Chus Díaz Anca.)
Contos: ¿Qué le pasa a Uma?, Soy Jazz, Pearl Power and the toy problem
27 de maio | Traballiños de verán
Achégase o verán e os nosos ratos teñen planeado traballar de camareiros para gañar uns cartiños. Hoxe van practicar un pouco na biblioteca. A ver que tal lles sae…
Contos: O frautista de Hamelín, Juan el Perezoso (Lazy Jack). 2
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.