
Será a única parada en Galicia da súa xira ‘Dolce Vita Tour’
Amaral regresará á Coruña o vindeiro ano 2026 coa súa xira ‘Dolce Vita Tour’. A banda liderada por Eva Amaral e Juan Aguirre presentou este xoves novas datas da súa xira, que terá como parada exclusiva en Galicia o recinto multiusos coruñés o vindeiro sábado 21 de febreiro.
“Desde o Goberno de Inés Rey celebramos que os grandes artistas do país escollan a nosa cidade para actuar ante os seus seguidores do noroeste da Península, proba de que A Coruña é un gran motor cultural grazas a infraestruturas como o Coliseum”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. Amaral engade deste xeito A Coruña na súa nova xira, coa que leva percorrendo o país desde o pasado mes de maio.
Esta será a sexta visita da formación maña ao Coliseum e será unha data exclusiva en Galicia no 2026. Nos seus cinco concertos previos, en 2005, 2008, 2012, 2017 e 2019, Amaral reuniu a máis de 25.000 espectadores no recinto coruñés. As entradas poranse á venda este venres 24 de outubro ás 11.00 horas en Ataquilla e amaral.es.
Trátase do quinto anuncio consecutivo de actuacións no Coliseum de formacións lideradas por mulleres. Súmanse así á extensa programación musical do recinto para o vindeiro ano: Eladio Carrión (29 de xaneiro), Amaia (31 de xaneiro), Mikel Izal (7 de febreiro), Celtas Cortos (11 de abril), Hijos de la Ruina (17 de abril), Viva Suecia (18 de abril), Iván Ferreiro (9 de maio), Dani Martín (15 e 16 de maio), Bad Gyal (23 de maio), Pablo Alborán (4 de xullo), Aitana (22 de xullo) e La Oreja de Van Gogh (11 e 12 de setembro).
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.