
A VIII edición do Ciclo nacional de cine e mulleres rurais, impulsado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, chega a vindeira semana a Neda. Proxectarase “Prefiro condenarme”, a última película documental da directora galega Margarita Ledo, cunha historia real protagonizada por unha mariscadora da ría de Ferrol de comezos dos anos setenta.
Este luns, a partir das 20 horas, quen se achegue á Casa da Cultura nedense terá ocasión de descubrir a historia de Sagrario Ribela, unha muller que, tras anos de maltrato a mans do seu marido, foi xulgada por adulterio nos estertores da ditadura franquista. Un delito “específico de mulleres” que conducía ao psiquiátrico ou á prisión do que, contra todo prognóstico, resultaría absolta polo Tribunal eclesiástico de Santiago.
O filme, que vén de exhibirse dentro da sección ‘Riscos New Visions’ do XXIII DocLisboa, detense na historia silenciada dunha muller corrente que, fronte ás normas dunha sociedade opresiva, loitou por conseguir o amor e pola igualdade.
O VIII Ciclo nacional de cine e mulleres rurais inclúe tamén ata o 31 de outubro, unha mostra online gratuíta de outros 15 títulos, accesible dende a súa páxina web www.cineymujeresrurales.es
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.