
O vindeiro 24 de outubro, con motivo do Día das Bibliotecas, a Biblioteca Municipal de Muxía acollerá ás 17:30 horas un encontro moi especial baixo o título “Encontro coas letras”, no que participarán as escritoras Mayte Corbillón e Antía Yáñez. Ambas autoras compartirán co público unha conversa arredor da saúde mental nas historias, unha temática escollida para conectar tamén coa celebración do Día da Saúde Mental, conmemorado o pasado 10 de outubro.
Esta actividade busca poñer en valor o papel das bibliotecas como espazos de encontro, reflexión e benestar, ofrecendo unha oportunidade para abrir o diálogo sobre temas que afectan directamente á sociedade actual, como a saúde emocional, o feminismo ou a diversidade.
Neste contexto, a Biblioteca Municipal de Muxía quere destacar tamén a creación do novo Club de Lectura de Muxía, que iniciou a súa andaina neste mes de outubro de 2025. Este grupo nace co obxectivo de fomentar o hábito lector e crear un espazo de participación e pensamento crítico, no que se debatan temas de actualidade a través da literatura.
O club arrancou a súa actividade coa lectura de Senlleiras, de Antía Yáñez, unha obra que mestura realidade e maxia para mergullarnos na adolescencia de Lucía, unha moza que se enfronta á busca da súa identidade e á comprensión do mundo que a rodea. A novela aborda cuestións moi presentes entre o alumnado de educación secundaria — como a amizade, o autocoñecemento e a aceptación persoal—, ofrecendo unha historia que convida a reflexionar sobre a saúde mental e o poder das historias que nos definen.
A tenente de alcalde e concelleira de Cultura, Sandra Vilela, salientou a importancia desta celebración: Nota de Prensa
“As bibliotecas son moito máis ca espazos para gardar libros: son lugares de encontro, de aprendizaxe e tamén de coidado emocional. Queremos que a nosa biblioteca sexa un punto de referencia cultural e humano en Muxía.”
Vilela engadiu ademais que o nacemento do club de lectura representa un paso adiante na dinamización cultural do municipio:
“O novo club de lectura é unha iniciativa que nos enche de ilusión. Supón abrir unha xanela á reflexión colectiva, especialmente sobre temas como a saúde mental, o feminismo ou a diversidade. A literatura axúdanos a entendernos mellor e a coidar uns dos outros.”
Con este encontro, a Biblioteca Municipal de Muxía reafirma o seu compromiso coa promoción da lectura, o pensamento crítico e o benestar da comunidade, facendo das letras un vehículo para coidar a mente e fortalecer os lazos sociais.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.