Thursday 23 de October de 2025

O Concello de Ortigueira empraza ao persoal do SAF a unha reunión e volve poñer en valor a “importante mellora das condicións do servizo” no último mandato


O Concello de Ortigueira, a través do seu alcalde, Valentín Calvin, emprazou no pleno extraordinario de hoxe ao persoal do Servizo de Axuda non Fogar municipal a unha reunión a semana que vén para escoitar as súas demandas e suxestións, así como a “estudar o paradigma e o modelo ao que queremos ir”.

O alcalde, Valentín Calvín, lembra que “cando accedemos á alcaldía, atopámonos un servizo no que os traballadores e traballadoras levaban 2 anos sen vacacións, sen roupa, sen EPIs nin materiais adecuados, algo que emendamos desde que entramos no goberno”, afirma o rexedor.
Ademais, salienta que “Ortigueira mantense como o único Concello de toda a comarca que non ten privatizado o SAF e que, por tanto, xestiona directamente o servizo”.

Destaca ademais a mellora das condicións laborais das persoas traballadoras desde 2023, xa que se reforzaron con catro persoas máis e recentemente estabilizáronse todas as prazas desta área. “Este goberno xa se reuniu en varias ocasións con representantes do persoal para tratar de mellorar a súa situación, algo que se conseguiu, con melloras nas quendas e asegurando o descanso de 12 horas. É certo que todo se pode mellorar, por iso estamos abertos a escoitar e a estudar posibles melloras e optimización do servizo”.
Ademais, desde que Calvín accedese á alcaldía, puxéronse en marcha diversas iniciativas complementarias para seguir mellorando o SAF. Algúns exemplos son os obradoiros de emprego no ámbito sociosanitario ou o Ciclo Medio de Atención a persoas en situación de dependencia que se imparte no IES de Ortigueira. Ambas as formacións buscan retroalimentarse co SAF e fomentar a formación neste ámbito na zona, tendo así máis profesionais dispoñibles.

Reitera que “hai vontade por parte deste equipo de goberno, tanto política como persoal, para seguir mellorando a situación do SAF, como se foi facendo desde que este grupo está á fronte do goberno local”.

Deja un comentario