
— Ante case un cento de arquitectos e profesionais do urbanismo e da paisaxe, Ángeles Vázquez incide en que, grazas á Loxilga, as 870 edificacións arquitectónicas e industriais identificadas na costa poderán ter unha nova vida sen perder protección
— Avanza que o traballo de catalogación realizado este verán servirá de base para impulsar unha rede de construcións emblemáticas na franxa costeira que contribúa tamén a divulgar e conservar esta riqueza arquitectónica, histórica e cultural
— Salienta que igual que a arquitectura litoral do século XX “dialogaba” coa natureza, a Xunta quere manter ese diálogo desde a sostibilidade e a xestión responsable
A Xunta puxo hoxe en valor o potencial que ten o futuro Catálogo de bens de valor cultural do litoral para converter todo ese patrimonio arquitectónico, histórico e industrial existente na franxa costeira nun motor de futuro que garanta e impulse o desenvolvemento socioeconómico dunha zona crucial para a comunidade e tan intimamente ligada á identidade galega.
Así o salientou esta tarde a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante a súa intervención no acto inaugural do XIII Congreso Docomomo Ibérico, unha cita que este ano se celebra na cidade da Coruña co apoio e colaboración do seu departamento e coa que se busca reflexionar sobre a relación existente entre arquitectura, paisaxe e litoral.
Ante arredor dun cento de arquitectos, aparelladores e outros profesionais relacionados co urbanismo e a paisaxe, a responsable autonómica agradeceu á Fundación Docomomo Ibérico, á Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña e ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia a súa implicación na organización deste congreso, cuxo tema central, A modernidade marítima. Arquitecturas e infraestruturas da paisaxe litoral, 1925-1975, considerou especialmente oportuno neste momento.
Así, Ángeles Vázquez explicou que a arquitectura moderna do litoral desenvolvida no século pasado buscou integrarse coa natureza e responder aos desafíos do entorno construíndo un novo modo de mirar o mar que impulsou moitas obras e edificacións que hoxe seguen sendo parte esencial do patrimonio e da memoria colectiva galega. Neste contexto, lembrou que nos últimos anos Galicia deu pasos decisivos para protexer e ordenar este patrimonio común, sendo o máis salientable a aprobación da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral (Loxilga).
Ferramenta inédita
Ao amparo desta norma ambiciosa e pioneira, a Xunta acometeu o pasado verán a elaboración do novo Catálogo de bens de valor cultural do litoral galego, cuxo decreto regulador anunciou que se someterá a información pública durante un mes a partir do próximo 28 de outubro.
Para dar conta da importancia deste catálogo, a conselleira destacou que se trata dunha ferramenta inédita que, partindo dun inventario inicial de 450 edificacións e tras un rigoroso traballo de análise e identificación, permitiu catalogar preto de 1.600 elementos con valor cultural nos 86 municipios costeiros da comunidade. Desta cifra total de bens identificados e grazas ao paraugas legal que ofrece a Loxilga, a conselleira explicou que preto de 870 elementos de carácter arquitectónico e industrial serán susceptibles de sufrir un cambio de uso a futuro, compatible coa conservación dos valores que os fixeron merecedores de formar parte do catálogo.
O obxectivo, en definitiva, tal e como destacou Ángeles Vázquez durante a súa intervención, é darlle unha nova vida a estas construcións do litoral sen renunciar á súa protección, convertendo ruínas ou inmobles deteriorados e sen uso en espazos renovados útiles, xeradores de actividade, valor patrimonial e emprego.
Ademais, a titular de Medio Ambiente avanzou tamén que o traballo de catalogación realizado este verán servirá de base para impulsar unha rede de construcións emblemáticas na franxa costeira que contribúa a divulgar e conservar a riqueza arquitectónica, histórica e cultural que atesoura esta parte do territorio.
Nesta liña, salientou que igual que a arquitectura litoral do século XX buscaba establecer un diálogo coa natureza e a contorna, a Xunta manterá ese mesmo diálogo cun enfoque no que primen a sostibilidade e a xestión responsable do territorio costeiro, un obxectivo para o que se apoiará na Lei do litoral, no Catálogo e na futura rede do patrimonio costeiro, entre outras ferramentas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.