Thursday 23 de October de 2025

Inés Rey: “A nosa tarefa é traducir os grandes conceptos como resiliencia ou refuxio climático en políticas que melloren a vida da maioría social”


O encontro, que se celebra hoxe e mañá en Palexco, reúne a máis de medio cento de representantes públicos e expertos en políticas urbanas

A cidade da Coruña acolle dende esta mañá o III Foro Urbano de España, a principal cita estatal para o debate e intercambio de experiencias en materia de políticas urbanas sostibles, inclusivas e resilientes. O encontro, organizado polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana en colaboración co Concello da Coruña, desenvolverase durante dúas xornadas no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco). Inés Rey apelou á cooperación entre administracións e á forza transformadora dos concellos. “Os concellos non somos meros xestores do inmediato; somos axentes de cambio, capaces de mover os marcos, de ampliar os límites do posible e de facer política con maiúsculas dende o cotián”, afirmou.

A rexedora destacou que a cooperación institucional “non pode limitarse ás grandes obras ou aos proxectos que cortan cintas; debe alcanzar tamén o que sostén a vida diaria de miles de veciños e veciñas”. Nese sentido, chamou a un consenso en materia social para facer fronte aos coidados, por exemplo co Servizo de Axuda do Fogar.

Rey reivindicou o municipalismo como o espazo político máis próximo á cidadanía e o que mellor entende as necesidades reais da xente: “A nosa tarefa é traducir os grandes conceptos como resiliencia ou refuxio climático en políticas que melloren a vida da maioría social”, afirmou.

A alcaldesa puxo tamén o foco na transformación urbana que vive A Coruña, tanto na apertura do porto á cidade como na mobilidade sostible e a recuperación do espazo público, “un proceso que está cambiando a forma de vivir e de entender a cidade, cun modelo máis humano, máis equitativo e máis sostible”. Nese sentido, subliñou que “as cidades son o verdadeiro motor do cambio e o lugar onde se afrontan os grandes retos do século XXI”.

Mesa de debate: Axenda Urbana e Vivenda

Na sesión “Axenda Urbana e Vivenda”, Rey defendeu o papel dos concellos na resposta ao problema de acceso á vivenda e presentou as medidas que está a desenvolver o Goberno local. “A vivenda é un tema que nos preocupa, pero sobre todo que nos ocupa”, afirmou a rexedora, quen lembrou que, aínda que os concellos non teñen competencias directas, “temos unha responsabilidade política e social”.

Rey explicou que “en A Coruña decidimos actuar, porque sabemos que a vivenda non é un luxo, é un dereito” e destacou que a cidade foi a primeira de Galicia en declararse Zona de Mercado Residencial Tensionado, unha medida que “permite conter prezos, mobilizar vivendas baleiras e ampliar o parque público”.

A alcaldesa sinalou que “non é unha variña máxica coa que imos solucionar o problema dun día para outro pero o que non é aceptable é mirar cara outro lado”. Lembrou que “durante catorce anos de Goberno de Feijóo, a Xunta non entregou nin unha soa vivenda pública na cidade”, e defendeu o traballo do Goberno local en materia de vivenda co desenvolvemento dos polígonos de Xuxán e Visma, coa cesión de solo á Xunta de Galicia para a construción de vivenda ou a posta en marcha un edificio de 50 vivendas en Xuxán.

Mesa de debate “Axenda Metropolitana”

O primeiro tenente de alcaldesa e concelleiro da área de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage Tuñas, participou na mesa de debate “Axenda Metropolitana”, na que puxo en valor o modelo de planificación estratéxica que está a desenvolver o Concello da Coruña.

Lage defendeu que “a planificación estratéxica é hoxe unha ferramenta indispensable” e destacou a aposta da alcaldesa, Inés Rey, por crear unha área específica de planificación estratéxica desde a que se está a impulsar unha folla de ruta a medio e longo prazo para o desenvolvemento da cidade. “Temos un proxecto de cidade claro, con obxectivos definidos e unha visión compartida que pensa na maioría social”, sinalou.

Lage explicou que esta planificación permite orientar os investimentos, coordinar as políticas urbanas e anticipar os retos económicos, demográficos e ambientais. “Planificar é gobernar con sentido de cidade e con visión colectiva”, engadiu.

O tamén voceiro do Goberno municipal defendeu a necesidade de avanzar cara modelos metropolitanos de cooperación que permitan compartir proxectos e recursos entre municipios, e destacou a importancia de “pensar a cidade máis alá dos seus límites administrativos, entendendo que os grandes desafíos urbanos son comúns e requiren respostas conxuntas”.

Deja un comentario