Thursday 23 de October de 2025

O Concello promove repensar as masculinidades cun obradoiro nos institutos


O Concello está a desenvolver nos centros de ensino municipais o obradoiro “Repensando as masculinidades”, unha actividade formativa e participativa dirixida ao alumnado de 4º da ESO, conformada por tres sesións de traballo con cada grupo. Este ten como obxectivo promover a reflexión crítica sobre os modelos tradicionais de masculinidade e avanzar cara a relacións máis igualitarias e respectuosas.

O programa no IES Neira Vilas, continuará no María Casares e finalizará no IES Miraflores en decembro, alcanzando un total estimado de 279 mozos e mozas participantes. Os obradoiros, integrados no programa municipal de accións conmemorativas do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, teñen como obxectivo promover unha reflexión crítica sobre os mandatos e estereotipos asociados á masculinidade tradicional, fomentar valores de coidado, empatía e corresponsabilidade, e previr condutas e discursos que reforzan desigualdades e violencias machistas.

A través dunha metodoloxía activa, participativa e vivencial, o alumnado analizará como os roles de xénero inflúen nas súas relacións e na súa liberdade persoal, revisará privilexios e representacións culturais —desde as redes sociais ata o cine ou os videoxogos— e construirá colectivamente modelos de convivencia máis igualitarios, diversos e saudables.

Con esta iniciativa, o Concello de Oleiros reafirma o seu compromiso coa educación en igualdade como ferramenta esencial de prevención e transformación social, contribuíndo á formación dunha mocidade crítica, consciente e implicada na construción dun municipio libre de violencias machistas.

Deja un comentario