Thursday 23 de October de 2025

A Xunta anima ás empresas galegas que apostan pola sostibilidade a solicitar o Certificado Europeo Ecolabel como garantía de calidade para os seus produtos


— Ángeles Vázquez lembra que este ano o seu departamento entregou o distintivo Ecolabel a 18 firmas galegas e agarda que esta cifra siga crecendo tendo en conta o compromiso medioambiental que caracteriza ao tecido produtivo autonómico

— Salienta que Alvarella é o único establecemento en toda a comunidade que goza deste recoñecemento dentro da categoría de servizo de aloxamento turístico

A Xunta animou hoxe ás empresas galegas que apostan nos seus procesos produtivos por medidas e iniciativas sostibles a solicitar o certificado Ecolabel, unha acreditación pública europea que naceu no ano 1992 para axudar ás empresas a visibilizar ante os seus clientes o compromiso medioambiental dos seus produtos e servizos e como garantía de calidade ecolóxica.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá o Albergue Alvarella, unha instalación turística de primeira categoría situada no lugar de Breanca (Vilarmaior) e que conta coa etiqueta Ecolabel desde o ano 2009.
Tras salientar que este establecemento é o único en Galicia que goza deste recoñecemento dentro da categoría de servizo de aloxamento turístico, a responsable autonómica emprazou a outros empresarios galegos, deste e doutros sectores, a optar en futuras convocatorias a recibir esta certificación.
Neste sentido, lembrou que o pasado mes de maio, nun acto conxunto celebrado en Santiago de Compostela, ela mesma fixo entrega dos certificados que recoñecen a posesión deste distintivo por parte de 18 empresas galegas, un xesto co que se aspira a que poidan poñer en valor este logro máis aló da colocación da ecoetiqueta nos seus produtos e servizos.
En todo caso, a conselleira amosouse convencida de que esta cifra pode seguir crecendo nos próximos anos, considerando o potencial que ten o tecido produtivo galego no eido da sostibilidade e o compromiso medioambiental que, en xeral, caracteriza e define ás empresas que operan na comunidade.
En concreto, puxo como exemplo a traxectoria do Albergue Alvarellos, unha instalación turística con máis de dúas décadas de vida —botou a andar no ano 2001— e que ademais de ofrecer aloxamento, tamén está rexistrada como entidade de educación ambiental.
Cómpre lembrar que a idea orixinal coa que se puxo en marcha este albergue era combinar o turismo rural (por aquel entón un sector aínda incipiente) coa divulgación medioambiental mediante a realización de actividades dirixidas a grupos escolares de diferentes niveis educativos e a outros colectivos, un espírito que se mantén na actualidade cunha oferta de actividades vencelladas ao turismo cultural e de natureza, especialmente no Parque Natural das Fragas do Eume, pola súa proximidade.
Ademais, entre as medidas de sostibilidade ambiental adoptadas polos propietarios do Albergue Alvarella cómpre subliñar a integración na contorna dos catro edificios dos que se compón, minimizando o seu impacto visual, a selección de madeiras autóctonas nos traballos construtivos ou o aforro enerxético mediante a instalacións de enerxías renovables, iluminación de baixo consumo e aparellos de alta eficiencia.
Ademais, o 60% da enerxía eléctrica que utiliza procede da autoprodución grazas a unha instalación fotovoltaica e a un aeroxenerador, o uso de billas redutoras de consumo e outras tecnoloxías garante tamén un aforro notable de auga e no eido dos residuos apostan pola separación en orixe e a produción de compost para o seu horto ecolóxico.

Deja un comentario