
A nova infraestrutura permitirá dar resposta á alta demanda deste tipo de espazos na cidade
O Concello da Coruña está a executar os traballos para a creación dunha nova área específica para autocaravanas no barrio de Someso, nunha explanada situada na contorna da avenida da Universidade, nas proximidades de Expocoruña. Trátase dunha actuación impulsada polo Goberno de Inés Rey, cun investimento de arredor de 25.000 euros, que forma parte das políticas de mellora da mobilidade e da ordenación dos usos turísticos na cidade.
A nova área disporá de todas as dotacións necesarias para ofrecer un servizo completo ás persoas viaxeiras: puntos de vertedura para augas grises e residuais, abastecemento de auga, iluminación e espazos habilitados para a pernocta segura. Ademais, a súa localización está conectada co centro urbano grazas á proximidade dunha parada de autobús urbano, pola que pasan as liñas 5 e UDC. A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, destacou que “con esta intervención creamos un espazo específico e dotado para autocaravanas, un servizo necesario que permitirá, ademais, desconxestionar outras zonas como o aparcadoiro da Torre de Hércules, onde viñan estacionando de xeito continuado sen que ese espazo estivese pensado para ese uso”.
Díaz sinalou tamén que esta actuación “contribúe a unha mobilidade máis racional, pensada para facilitar o acceso á cidade de maneira ordenada e segura”.
A nova infraestrutura estará operativa nas vindeiras semanas, unha vez finalicen os traballos de acondicionamento. Forma parte das medidas impulsadas polo Gobierno local no marco das políticas municipais de mobilidade sustentable, mellora dos servizos públicos e uso responsable do espazo urbano.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.