
O inmoble ruinoso da rúa Damas será o primeiro da cidade que se somete ao procedemento de poxa forzosa
Adxudicadas as obras de urbanización da praza José María Hernansáez
A alcaldesa, Inés Rey, deu conta esta mañá dos principais asuntos aprobados na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, celebrada en María Pita.
Entre as cuestións máis destacadas está a adxudicación das obras de mellora do parque de Santa Margarida a Jardinería Arce. Isto suporá unha actuación global no espazo de 78.000 metros cadrados de superficie que contará cun orzamento de 899.000 euros.
Este plan de melloras complementará as obras que xa foi executando o Goberno municipal no último ano con pequenas actuacións como a mellora da pasarela de acceso desde a avenida de Arteixo ou a nova área canina. “A actuación comprenderá tres liñas de traballo: renovación e adaptación dos camiños e sendas do parque, ampliación e mellora dos equipamentos e mobiliarios de Santa Margarida, tanto deportivos como de lecer; e mellora nos espazos verdes do parque en si, con novas especies”, sinalou Inés Rey.
Unha das principais necesidades detectadas no parque é a de renovar ou atender os camiños e espazos de paso, ben polo paso do tempo ou polo impacto que teñen as raíces das árbores.
Por iso, actuarase en puntos como as escaleiras que baixan desde a Casa das Ciencias á Rosaleda e tamén no cruce de camiños que dá inicio ao paseo das Ciencias, onde se substituirá o firme de asfalto por adoquín. A isto sumarase a creación dun novo circuíto de sendeiros, aproveitando espazos infrautilizados do parque e conectando así os seus diversos espazos de ocio e lecer.
En canto aos equipamentos, no sector norte haberá unhas pistas para correr que chegarán, por exemplo, á nova área de calistenia que se habilitará sobre o espazo deportivo xa existente ao noreste do parque. E, ademais, crearanse máis sendeiros no sector sur-sureste, interconectando o mobiliario urbano de lecer alí existente. Neste sentido, tamén está previsto renovar o mobiliario urbano do parque e darlle uniformidade en termos estéticos.
A maiores, ampliarase a área de xogos infantís próxima ao acceso desde a avenida de Arteixo, sumando novos equipamentos e ampliando así o rango de idades para o seu uso, que xa é moi frecuente no día a día. Tamén está previsto sumar novos exemplares de arbustos e flores, que complementarán ás 60 especies de árbores que xa hai no parque, reforzando a súa condición de pulmón verde na cidade. A isto sumarase a renovación eficiente a rede de alumeado e a substitución da sinaléctica do parque para darlle unha uniformidade estética e reforzar a información que serve de orientación e guía ás persoas que visitan o parque.
Venda forzosa do inmoble de Damas, 3
Hoxe tamén se aprobou en XGL o expediente de contratación para a venda forzosa do inmoble situado no número 3 da rúa Damas, incluído no noso Plan Municipal para a Recuperación de Ruínas. Isto supón que, de maneira inmediata, este inmoble sairá a poxa pública a un prezo de partida de 110.884 euros. Abrirase un prazo de dous meses para que aquelas persoas ou empresas interesadas poidan presentar as súas ofertas. Unha vez rematado este período, a poxa máis elevada quedará coa propiedade deste inmoble.
“Damos solución a un problema histórico de saúde pública e seguridade, que se remonta a máis de 20 anos”, indicou a alcaldesa. Este será o primeiro edificio da cidade que se somete ao proceso de poxa forzosa. A alcaldesa sinalou que o programa de ruínas municipal impulsado polo seu goberno ten unha dobre finalidade: permitir a conservación do patrimonio xa construído, facilitando o acceso a vivenda e dinamizando soares en ruínas para ampliar a oferta residencial, e contribuír á mellora da calidade urbana na cidade.
Adxudicación das obras de urbanización da praza José María Hernansáez
Hoxe tamén se adxudicaron as obras de urbanización da praza José María Hernansáez, un proxecto que foi presentado aos veciños e veciñas pola alcaldesa e que contará cun investimento municipal de 963.285 euros. “Damos resposta a unha demanda histórica do barrio, transformando un espazo degradado e sen acondicionar nun novo punto de encontro e convivencia”, indicou Inés Rey.
A reforma consistirá na creación dunha praza peonil con sendas e zonas de lecer accesibles, reorganización das áreas verdes ou reforzo da seguridade viaria na contorna, entre outras cuestións.
Concesión a Aparcamentos Reo
O Concello continúa coa aplicación do Plan de Concesións iniciando o procedemento para declarar caduca a concesión dos aparcadoiros de María Pita, praza de Galicia, San Cristóbal e Mestre Mateo a Aparcamentos Reo. Estes espazos foron adxudicados a dita empresa por un período de 49 anos en 1986. Sen embargo, desde hai máis dunha década dita empresa non rexistra actividade. “Deste xeito, poderemos dar maior seguridade xurídica e mellorar ditos espazos municipais, con máis de 600 prazas de aparcadoiro”, indicou Rey.
Os ditos aparcamentos serán licitados de novo no primeiro semestre do ano que vén polo período que resta ata o fin da concesión. O Concello mantivo unha reunión con aquelas persoa que son usuarias das prazas en réxime de concesión para trasladarlles que os seus dereitos non se verán afectados ata o fin da concesión. A nova licitación afectará, pois, ás prazas en rotación.
Aprobación do estudo de detalle da futura biblioteca de Palavea
O Concello continúa cos trámites para dotar ao barrio de Palavea dunha biblioteca municipal e dunha aula de informática. Hoxe aprobouse en XGL o estudo de detalle da parcela onde actualmente se atopa o mercado municipal, que xa non rexistra actividade. Trátase dun paso máis, necesario despois de ter aprobado tamén o cambio de uso, para poder executar as obras.
O investimento municipal será de máis de 750.000 euros neste novo equipamento municipal, para o que xa están encargados os proxectos de demolición do mercado e de construción da biblioteca. Actualmente están os proxectos de demolición e do novo edificio en redacción, e o obxectivo municipal é poder licitar esta actuación no ano 2026 para que quede finalizada antes de que remate o 2027.
ITV en Vío
Hoxe tamén se concedeu licenza para construír a primeira estación da Inspección Técnica de Vehículos da cidade, que estará situada no polígono de Vío. A empresa responsable terá 20 meses para executar as obras e poñer en funcionamento este servizo, que facilitará aos cidadáns o trámite da ITV evitando desprazamentos e que suporá un investimento privado superior aos 2 millóns de euros. Ademais, entre o 3 e o 16 de outubro, desde o Goberno municipal concedéronse un total de 44 licenzas urbanísticas.
Bolsas Norteamérica
Ademais, aprobáronse hoxe tamén as bases das Bolsas Norteamérica 2026-2027, que permitirá ao alumnado de 4º da ESO dos centros educativos da cidade cursar 1º de Bacharelato en Canadá. Haberá un total de 30 prazas e o Concello sufragará os gastos do alumnado durante a súa estadía en Canadá.
Talón Restaurante 2026
A XGL aprobou hoxe a nova edición do programa municipal do Talón Restaurante, ao que se volverán a destinar 600.000 euros no vindeiro exercicio. O Concello sufragará parcialmente o custo do menú que os establecementos hostaleiros poderán ofertar.Hai centos de persoas que empregan este servizo que supón, ademais, unha importante contribución social especialmente para aqueles maiores que viven sós.
Subvencións a entidades comerciais
O Concello aprobou unha modificación no anexo de subvencións nominativas do Orzamento de 2025 para as entidades comerciais locais da cidade. Este cambio responde á desaparición da Federación Unión Comercial Coruñesa (FUCC), que tiña asignada unha axuda de 75.000 euros no orzamento municipal.
Dita partida repartirase agora entre dez asociacións comerciais, que integraban esta federación, coa fin de que non vexan perxudicada a súa actividade e conten co apoio municipal ás súas iniciativas.
Adxudicación do Servizo de atención na rúa ás persoas sen fogar (PSF)
O Concello adxudicou a Axiña Servicios o contrato do servizo de atención na rúa ás persoas sen fogar, un servizo que permite dar ás persoas en situación de vulnerabilidade un escudo asistencial que inclúe intervencións que faciliten a súa integración social. Ata o 2027 destinaranse máis de 370.000 euros a este servizo, mantendo o compromiso do Goberno de Inés Rey coas políticas sociais e o benestar da cidadanía.
Contratación das obras de saneamento en Eirís de Abaixo.
Camiño do Cura
O Concello continúa dando pasos para a mellora da senda peonil entre as rúas Simón Bolívar e Alfonso Rodríguez Castelao, a coñecida como Camiño do Cura, transferindo case 400.000 euros para a súa execución. O resto do orzamento da actuación, dun total de 534.000 euros, estará financiada polo POS da Deputación.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.