
O grupo nacionalista xa esixira en xullo no Parlamento unha actuación urxente sobre os bens en mal estado
O portavoz municipal, José Ramon Blanco, acusa a Xunta e goberno municipal do “abandono do tesouro patrimonial de Negreira”
Reclama un plan de actuacións e alerta do perigo doutros bens como un muíño afectado de maneira grave pola vexetación
O BNG esixe medidas urxentes e pide responsabilidades polo “estado lamentábel” no que se atopa o conxunto patrimonial de Ponte Maceira. O portavoz nacionalista, José Ramón Blanco, “Pichi” lamenta o recente derrube dunha parte dun muíño e alerta polo estado de perigo dunha das pontes debido a unha árbore que está a medrar nun dos seus piares. Demanda de Xunta e goberno municipal unha actuación responsábel para impedir máis destrozos no que define como tesouro patrimonial de Negreira.
O BNG de Negreira esixe actuacións urxentes para frear o estado de deterioro do conxunto patrimonial de Ponte Maceira que ocasionou este martes o derrube de parte dun muíño e “pode afectar a outros bens patrimoniais, como a ponte ou o outro muíño”, alerta o portavoz municipal nacionalista, José Ramón Blanco, “Pichi”.
Lamenta tamén que a “lea entre Xunta e goberno municipal” estea a bloquear a solución eficaz e áxil que necesita Ponte Maceira e esixe “responsabilidade das institucións cun ben de tanto valor como é o conxunto patrimonial de Ponte Maceira” que, como lembra, conta cunha declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de monumento no ano 2022.
O concelleiro nacionalista lembra que xa en xullo, o BNG levou ao Parlamento galego unha iniciativa que pedía actuación sobre o mal estado dun conxunto que recibe cada ano milleiros de visitantes e presenta deficiencias que afectan á conservación do patrimonio e tamén á seguridade das persoas, turistas e peregrinas, e da propia veciñanza.
“O estado no que se atopa neste momento é lamentábel, sen papeleiras, sen servizos públicos, sen iluminación … é completamente incomprensíbel que teñamos un tesouro nesta situación”, sinala José Ramón Blanco ao tempo que insiste en que abonda xa de tirar a pelota dun lado a outro porque urxe “que Xunta e goberno municipal poñan sobre a mesa solucións”.
O concelleiro do BNG alerta de que, ao derrube de parte do muíño poden seguir máis perdas relevantes como a caída das outras partes que continúan en pé ou mesmo doutros bens como a ponte na que medrou a vexetación de gran tamaño principalmente nun dos seus piares. “Este derrube é un aviso máis dos moitos que se recibiron… non sería explicábel que continuaran a deixar caer Ponte Maceira… sería unha irresponsabilidade histórica que non se actuara nunha situación crítica como a que vivimos”, sinala.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.