
— A entidade celebra a efeméride cunha selección de pezas das máis de 550 que custodia pertencentes a fondos privados, públicos e ás súas coleccións
— Entre os documentos atópanse desde expedientes vencellados a Facenda e á Real Audiencia ata tombos de mosteiros, cartografía ou fotografías
— Resalta a oportunidade para o público de achegarse nesta exposición a escritos “singulares que son testemuño da historia de Galicia”
— Destaca o papel do Arquivo como “clave para a investigación e o coñecemento, como centro de documentación”
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, puxo hoxe en valor o papel dos arquivos “na salvagarda da nosa historia” e como institucións “claves para a investigación e o coñecemento”. Fíxoo durante a inauguración da exposición que conmemora o 250 aniversario da creación do Arquivo do Reino de Galicia, que comezou a súa andadura o 22 de outubro de 1775.
Neste senso, o representante da Xunta destacou a entidade, xestionada polo Goberno galego, “como exemplo de transmisión cultural, non só pola conservación de documentos históricos, tamén polo seu labor divulgativo”, facendo fincapé “no servizo que presta a estudosos como centro de documentación” e tamén en propostas como a mostra que hoxe abriu as súas portas e que ata o 30 de xaneiro de 2026 permitirá ao público “achegarse aos seus fondos a través dunha escolma de pezas coas que descubriremos escritos de grande interese e que agochan curiosidades que nos fan comprender acontecementos de épocas pasadas”.
Referiuse así López Campos a un percorrido a través de 61 documentos e 16 obxectos, pezas “singulares que son testemuño da historia de Galicia desde 1775 ata a actualidade”, e que van desde expedientes xudiciais e textos de fondos públicos como os vencellados a Facenda, ao Goberno Civil ou á Real Audiencia de Galicia, entre eles a causa contra Manuel Blanco Romasanta, ata tombos de mosteiros, como o de Santa María de Sobrado de 1952.Trátase dunha selección que provén dos fondos públicos, privados e as coleccións do Arquivo do Reino de Galicia e que supoñen unha representación dos algo máis de 550 que custodia a día de hoxe. A mostra complétase con fotografías estereoscópicas en visor, imaxes audiovisuais e outros documentos reproducidos nunha liña do tempo.
Actividades complementarias
Ademais desta mostra, a institución tamén abre as súas portas para conmemorar este 250 aniversario con visitas guiadas de balde, previa inscrición no teléfono 881 960 360 ou no enderezo electrónico arq.reino.galicia@xunta.gal.
A estes percorridos súmaselle a organización, os días 28 e 29 de outubro, do curso Os arquivos: máis aló da investigación académica, en colaboración coa Universidade Internacional Menéndez Pelayo. A proposta pretende achegar ao público a experiencia daquelas persoas que, ben no seu eido profesional ou ben polo seu interese persoal, acoden a arquivos e bibliotecas para a consulta dos seus fondos. Neste senso, abordarase o labor dos profesionais como parte fundamental para facilitar esa experiencia, o achegamento ás fontes e ao procesamento de datos. Está dirixido ao público en xeral e especialmente ao estudantado vencellado aos ámbitos académicos do curso.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.