Wednesday 22 de October de 2025

As pandereteiras de Xacarandaina póñenlle o ramo este sábado á programación do Día da Muller Rural


Sábado, 19:00h, Casa da Cultura. Esas son as referencias que debemos anotar na nosa axenda de cara a esta fin de semana para non perdermos de ningún xeito a actuación das pandereteiras de Xacarandaina. O grupo tradicional coruñés, pertencente á asociación do mesmo nome, chegará a San Sadurniño da man do Outono das Artes da Deputación da Coruña para ofrecer un repaso ás pezas recollidas polo colectivo ao longo dos seus máis de corenta anos de historia. Con este espectáculo en feminino -que cadra ademais co ano en que as cantareiras son protagonistas das Letras Galegas- o Concello tamén remata a programación con motivo do Día Internacional da Muller Rural. A entrada é gratuíta e pode reservarse no 616 332 919 ou a través de agustin.perez@sansadurnino.gal.

O grupo de música e baile tradicional Xacarandaina, con sede na Coruña, leva 46 anos traballando a prol da cultura galega. Tempo no que a agrupación se consolidou dentro e fóra de Galicia como un dos principais referentes en todo o que ten que ver coa recuperación e posta en valor do noso patrimonio inmaterial.

Un dos piares fundamentais do traballo de Xacarandaina foi sempre a investigación do folclore galego. Nos anos 80, os seus membros percorreron aldeas e vilas de todo o país recollendo músicas, danzas, cantos, instrumentos e vestiario tradicional. Grazas a ese labor de campo, lograron recrear arredor de 150 bailes e múltiples pezas musicais, que serven de vehículo para transmitir a arte popular galega.

Hoxe, Xacarandaina mantén unha escola moi activa onde se imparten disciplinas como pandeireta e canto tradicional, gaita, acordeón, percusión, coro galego, guitarra, pintura ou mesmo xoiería con bordado ao aire. Ademais, o grupo desenvolve un intenso labor educativo e de difusión cultural en colexios e asociacións da Coruña e da súa provincia, chegando a formar cada ano máis dun milleiro de estudantes na tradición e na música galegas.

O grupo de pandereteiras que actuará na Casa da Cultura este sábado -19:00h- intégrano nove mulleres que manteñen viva a tradición do canto e a percusión galega, empregando principalmente pandeiretas e outros instrumentos de man. Da xuntanza de voces e instrumentos xorden sons e ritmos que forman parte esencial da identidade popular do país, gardada e transmitida durante xeracións polas mulleres ás que as Letras Galegas deste ano tamén lles renderon tributo.

As pandereteiras de Xacarandaina poranlle o ramo deste xeito á programación organizada pola área de Igualdade con motivo do Día Internacional da Muller Rural. A súa actuación forma parte, ademais, do programa Outono das Artes da Deputación da Coruña, que se prolongará ata finais de ano con cerca dun cento de propostas.

Deja un comentario