
O equipamento está situado na rúa Ribeira Sacra e forma parte do plan de ampliación e mellora dos aseos públicos na cidade
O barrio de Novo Mesoiro conta desde hoxe cun novo aseo público autolimpiable situado na rúa Ribeira Sacra. Trátase dunha instalación de uso mixto e totalmente accesible, construída con materiais seleccionados seguindo criterios de sustentabilidade e aforro enerxético. O investimento destinado á súa execución ascendeu a 69.913 euros.
Esta actuación forma parte do plan de reforzo e ampliación da rede de aseos públicos impulsado polo goberno local. No marco deste plan, está previsto que nos vindeiros días entre tamén en funcionamento outro aseo de características similares na Praza da Tolerancia, no barrio de Labañou, cun investimento de 75.806 euros.
A ampliación da rede continuará coa transformación do antigo quiosco de prensa situado á beira da Casa do Sol, na avenida Pedro Barrié de la Maza, nun novo aseo que dará servizo á contorna da praia do Orzán. Esta intervención atópase actualmente en execución.
Na actualidade, A Coruña dispón de 59 aseos públicos: 30 fixos —dos cales 11 son autolimpiables— e 27 químicos. O Concello reforza este servizo en momentos de especial afluencia na vía pública, como durante as festas de San Xoán, o Entroido ou o verán, coa instalación de aseos portátiles en distintos puntos da cidade.
Estas melloras insírense na aposta do Goberno de Inés Rey por dotar aos barrios de novos servizos que contribúan á calidade de vida da veciñanza e á accesibilidade e funcionalidade dos espazos públicos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.