Thursday 23 de October de 2025

Boqueixón abre inscricións na sétima Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller, que terá lugar o sábado 8 de novembro


Incluirá unha charla testemuño de Iria Pinheiro, actriz e psicopedagoga, así como unha peza teatral contra a violencia machista

A Casa da Cultura de Camporrapado acollerá o sábado 9 de novembro, de 17:00 a 19:30 horas, a VII Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller, organizada polo CIM do Concello de Boqueixón en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade, o Ministerio de Igualdade e ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. A entrada é totalmente libre, se ben é preciso anotarse a través deste formulario: https://forms.gle/5YbCjAhJ6r7vgXJPA

A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ángela Conde Leis, e a directora do CIM de Boqueixón, Cristina Carbajales Nouriño, serán as encargadas de dar a benvida ao público asistente, acompañada pola música de Natalí González e Xosé Silva, da Asociación Mestre Manuel Gacio de Lestedo. A primeira sesión será unha charla-testemuño da actriz e psicopedagoga Iria Pinheiro: “A violencia obstétrica: anatomía dunha serea”. Será presentada por Yolanda Neira Cristobo, psicóloga do CIM, e contará coa música de Fran Barcia, da Asociación Mestre Manuel Gacio.

Ás 18:15 horas terá lugar unha función de teatro: a actriz Estíbaliz Veiga porá en escena “Golpes”, unha peza teatral contra a violencia machista. “Golpes” narra a historia de Pamela, unha moza que sufriu violencia machista e conta todos os golpes que recibiu e como foi cedendo ata irse atopando fora da súa personalidade. Unha obra que amosa a desigualdade latente e a dor que causa unha lacra social como a violencia machista.

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, será o encargado de clausurar a xornada, dando paso a unha derradeira actuación musical a cargo de Natalí González e Xosé Silva. Na entrada da Casa da Cultura de Camporrapado estará dispoñible un photocall pola igualdade. Máis información: 981 51 30 61 ou cim@boqueixon.com.

Deja un comentario