Wednesday 22 de October de 2025

O novo goberno municipal supón un aforro superior aos 36.000 euros brutos anuais para a cidadanía de Ribeira


 As cinco dedicacións exclusivas e dúas parciais suman 245.295,40 euros fronte ao tripartido de 281.520,54 euros, o que supón un 13% menos

A Corporación municipal de Ribeira debateu en Pleno extraordinario e urxente tódolos aspectos relativos á organización do novo goberno municipal para o que resta de mandato ata 2027. Durante a sesión, a alcaldesa, María Sampedro, defendeu que este equipo resulta máis económico para as arcas municipais e, polo tanto, para os petos dos ribeirenses nun compromiso férreo por avanzar en proxectos transcendentes para mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas.

O importe total do actual executivo sitúase nos 245.295,40 euros, mentres que o anterior ascendía aos 281.520,54 euros. É dicir, o goberno encabezado por María Sampedro supón un aforro de 36.225,14 euros anuais para o conxunto dos ribeirenses, un 13% menos.

Fronte ás sete dedicacións exclusivas do executivo saínte, o actual equipo propuxo cinco dedicacións exclusivas e dúas parciais, o cal reducirá o custe total para o Concello sen afectar á capacidade para dar resposta ás demandas e necesidades da xente de Ribeira, xa que esta se verá incrementada ao contar con 13 concelleiros. Esta cuestión obtivo o respaldo dos 14 votos a favor do PP, PBBI e 1 non adscrito, ademais das 7 abstencións do BNG, PSOE e 1 non adscrito.

As dedicacións exclusivas corresponden aos cargos da rexedora, María Sampedro; da primeira tenencia de Alcaldía e concelleiro de Servizos Sociais, Mercados Municipais, Sanidade, Desenrolo Industrial e Parques e Xardíns, Vicente Mariño; da segunda tenencia de Alcaldía e concelleira de Economía e Facenda, Vías e Obras, Herminia Pouso; da terceira tenencia de Alcaldía e concelleira de Cultura, Turismo e Igualdade, Ana Barreiro; e do concelleiro de Deportes, Innovación e Novas Tecnoloxías, Álex Vidal; mentres que as parciais se corresponden co concelleiro de Mar, Promoción do Litoral e Festexos, Fernando Abraldes; e co concelleiro de Medio Ambiente e Iluminación Pública, Víctor Reiriz.

Tanto a voceira do PP, Ana Barreiro, coma o seu homólogo do PBBI, Vicente Mariño, defenderon que o seu modelo de xestión reduce o número de dedicacións exclusivas, sen supoñer un detrimento para a atención dos veciños e veciñas. Tamén se manifestaron sobre as dúas dedicacións parciais propostas por tratarse de áreas densas de xestionar.
“Este novo equipo supón unha importante rebaixa no custe das dedicacións. Repito: son mais concelleiros a traballar para os veciños e veciñas de Ribeira, pero menor custo para as arcas municipais”, manifestou a voceira do PP, Ana Barreiro.

En liñas similares, tamén se pronunciou o voceiro do PBBI, Vicente Mariño, para quen “este é un goberno que resulta máis económico para os petos dos nosos veciños, pero con gran capacidade de acción para resolver os problemas do día a día.”

Ante a perspectiva da oposición de que no anterior executivo había una dedicación exclusiva para unha área significativa como é Servizos Municipais, a alcadesa, María Sampedro, explicou que non haberá só unha persoa á fronte desta área, senón dúas ao dividirse Limpeza Viaria e Iluminación Pública en dous edís, un deles con dedicación parcial.

Tamén se aprobou cos votos favorables a contratación de persoal eventual para responsable do Departamento de Comunicación Institucional e para secretaría de Alcaldía ao igual ca nos anteriores mandatos, pero equiparando os salarios.

Adiante as tenencias de Alcaldía e delegacións

Outros dos puntos que saíu adiante foi o das tenencias de Alcaldía. Vicente Mariño ostentará a primeira, Herminia Pouso, a segunda, e Ana Barreiro, a terceira.

No que a Concellerías respecta, a alcaldesa, María Sampedro asumirá Urbanismo, Contratación, Seguridade Cidadá e Mobilidade, Unidade de Condutas Aditivas (se ben a UCA pasará a ser asumida en próximas datas por parte do Servizo Galego de Saúde) e Persoal; Ana Barreiro, de Cultura, Turismo e Igualdade; Álex Vidal, de Deportes, Innovación e Novas Tecnoloxías; Emilio Pérez, de Limpeza Viaria; Vicente Reiriz, de Auga e Saneamento; Víctor Reiriz, de Medio Ambiente e Iluminación Pública; Ramón Doval, de Relacións Institucionais; Carmen Pérez, Promoción Económica, Emprego e Consumo e Xuventude; Eladio Muñiz, de Xestión e Relacións Veciñais no Medio Rural e Benestar Animal; Juana Brión, de Educación, Formación e Promoción da Lingua; Vicente Mariño, de Servizos Sociais, Mercados, Sanidade, Desenrolo Industrial e Parques e Xardíns; Herminia Pouso, de Economía e Facenda, Vías e Obras; e Fernando Abraldes, de Mar, Promoción do Litoral e Festexos.

Outras cuestións organizativas

Tamén se lle deu luz verde a outros puntos da orde do día como o nomeamento da Xunta de Goberno Local, a composición das Comisións Informativas, a Mesa Permanente de Contratación e a representación nos órganos colexiados.

A Xunta de Goberno Local celebrará sesións ordinarias cunha periodicidade semanal, os xoves, ás 10.00 horas, para tratar as licenzas, autorizacións e outras medidas que garantan o correcto funcionamento municipal. Estará composto pola propia alcaldesa María Sampedro, e os edís Vicente Mariño, Herminia Pouso, Ana Barreiro, Emilio Pérez, Juana Brión, Carmen Pérez e Eladio Muñiz.

As comisións informativas permanentes terán lugar con antelación suficiente con relación ao Pleno correspondente. Son sete e unicamente introducen o cambio de reducir a un a representación do PBBI e incorporar un do grupo de non adscritos.

En canto á nova Mesa de Contratación, estará integrada, por Herminia Pouso, en calidade de presidenta, e Ana Barreiro, quen, ao ser a suplente, exercerá cando non asista a titular. Tamén haberá catro traballadores municipais como vogais e secretario.

Finamente, designouse a concorrencia aos órganos colexiados -reunións de entidades e centros culturais e educativos- entre os diferentes edís do equipo.
A asignación por asistencia a estes órganos mantense respecto do anterior executivo e os concelleiros que ostentan dedicación exclusiva e parcial non percibirán honorarios a maiores.

Deja un comentario