Friday 22 de November de 2024

A renovación das beirarrúas da Avenida da Coruña permitirá gañar unha nova área de aparcamentos na cidade riveirense


Nun tramo de 35 metros de longo próximo á rotonda das Carolinas

As obras de renovación de beirarrúas e servizos que se están a realizar na avenida da Coruña van permitir gañar unha nova área de aparcamentos nas proximidades da rotonda das Carolinas.

Trátase dun tramo duns 35 metros de lonxitude no que a beirarrúa existente, que acaba de ser demolida, tiña un ancho considerable, de máis de tres metros, ademais dun arcén tamén bastante importante. A nova beirarrúa vaise rebaixar ata contar con dous metros de ancho, o que permitirá crear no espazo gañado ata 6 ou 7 prazas de estacionamento para beneficio tanto de veciños como dos negocios existentes na zona.

As obras de renovación da avenida da Coruña deron comezo fai dous meses e están sendo executadas pola empresa Construcciones Oñial. Comportan un investimento de 220.000 euros (181.818,18 euros máis IVE).

En total, estanse a instalar 451 metros liñais de bordillo prefabricado de formigón e 1.890 metros cadrados de baldosa de formigón nunha das marxes, e 527 metros liñais de bordillo e 1.707 metros cadrados de baldosa na outra. As baldosas son en tonalidades gris escura ou branca.

No que respecta á instalación de pluviais, o proxecto contempla a disposición no tramo comprendido entre o cruce coa rúa Sidreiras e a rotonda das Carolinas dous colectores (un por cada marxe da avenida) constituídos por unha tubaxe de PVC de 400 milímetros de diámetro e 262 metros de longo e outra de PVC de 315 milímetros de diámetro e 246 de longo.