
O Memorial Carlos Servando, que celebrou a súa primeira edición no ano 1992, é o evento pioneiro do salvamento deportivo en Galicia. Este sábado 25, a piscina do complexo deportivo Carballo Calero acollerá unha nova edición, coa participación de 150 deportistas que representan a práctica totalidade dos clubs galegos. A competición coincidirá de novo co Campionato galego de distancias curtas, o que significa que o espectáculo está servido.
Hoxe presentamos o cartel nun acto no que participaron o novo concelleiro de Deporte, Daniel Barreiro; o presidente do Sysca, Marcos Puñal, e o alcalde, Daniel Pérez. Ao remate sumouse tamén a presidenta da Federación Galega de Salvamento e Socorrismo, Nuria Rodríguez.
Daniel Barreiro destacou que a lonxevidade do Memorial Carlos Servando “fala ben do traballo que fai o Sysca dentro da piscina e fóra. Dentro da piscina estámolo vendo cos resultados que obteñen os deportistas, pero manter unha proba deste tipo durante vinte e nove anos reflicte un bo traballo, e xa é un referente dentro do calendario deportivo carballés”. O concelleiro de Deporte destacou o impacto social e económico “que teñen estes eventos no concello” e reiterou o apoio municipal ao asociacionismo deportivo para que siga a gozar da excelente saúde que ten.
O Memorial Carlos Servando, como explica o propio Sysca, “foi a primeira proba de salvamento que se celebrou na comunidade galega. Naceu dous anos despois da creación do club Sysca, no que militaban os socorristas que coidaban e vixiaban os bañistas da praia de Razo. Entre este grande grupo de profesionais e amigos estaba Carlos Servando, o cal faleceu traxicamente nun accidente de tráfico. Ante esta circunstancia, os seus compañeiros quixeron renderlle homenaxe realizando un evento que, logo de moitos anos, segue a ter gran recoñecemento”.
Mostra dese recoñecemento é a alta participación que ten cada ano. Dos 150 participantes, polo menos 35 serán carballeses, “e esperamos ir polo campionato”, anunciou o presidente do Sysca. Para que o público poida seguir o campionato o máis comodamente posible está previsto instalar unha grada supletoria. Marcos Puñal animou á veciñanza a acudir, porque “é un campionato moi bonito de ver, chama moito a atención. Se a xente de Carballo quere ver un espectáculo, que veña á piscina o sábado”.
Daniel Pérez incidiu en que a xornada do sábado reúne, por unha banda, unha parte “emotiva, que é o Memorial Carlos Servando, que despois de tantos anos demostra que a asociación lémbrase das persoas que foron importantes para ela e representa a parte humana do club, e por outro lado está a parte deportiva, con ese campionato de distancias curtas, que e realmente espectacular, e desfrútano moito tanto os deportistas como o público que vai á piscina”. O alcalde agradeceu á Federación Galega de Salvamento e Socorrismo que siga contando con Carballo, destacou o papel que xogan os patrocinadores e reiterou o compromiso do concello co deporte, que vai moito máis alá da práctica deportiva e é un elemento dinamizador para Carballo”.
A presidenta da FESSGA, que chegou ao remate, agradeceu o apoio do Concello de Carballo e expresou o seu desexo de que o noso concello sexa, nun futuro inmediato, sede de novas competicións.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.