Wednesday 22 de October de 2025

O BNG acusa ao novo goberno de Ribeira de abrir a porta a vellas prácticas metendo políticos na Mesa de Contratación


Luís Pérez Barral advirte de que a decisión, aínda sendo legal, é pouco ética e erosiona a transparencia dun Concello que fora exemplo de bo goberno.

O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira lamenta que PP e PBBI introduzan novamente cargos políticos na Mesa Permanente de Contratación, un órgano clave no funcionamento do Concello por ser o que avalía e propón as adxudicacións de obras, servizos e subministracións públicas xestionando centos de miles de euros anualmente.

O exalcalde e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, cualificou a decisión de “retroceso grave e perigoso” e advertiu de que, aínda que a Lei de Contratos do Sector Público permite a presenza de membros electos en mesas de contratación no ámbito local, non o obriga nin o recomenda, e prohíbe expresamente esa práctica en todas as demais administracións públicas.

“O goberno do BNG optara por un modelo profesionalizado e transparente, no que a Mesa estaba formada exclusivamente por persoal técnico, o secretario, o interventor e funcionarios con habilitación suficiente. Fixémolo así porque queriamos garantir a máxima independencia e evitar calquera sombra de sospeita”, recordou Pérez Barral.

A nova Mesa proposta polo goberno será presidida pola concelleira do PBBI, Hermina Pouso, unha decisión que o BNG considera pouco ética e contraria ao espírito dun goberno transparente e que avanza na profesionalización deste órgano.
“A pregunta é simple: para que queren meter un político nun espazo que debe ser técnico, obxectivo e libre de interferencias políticas? Que achega un cargo electo a un órgano que debe funcionar con criterios profesionais?”, cuestionou o portavoz nacionalista.

Segundo o BNG, esta decisión abre unha porta que nunca debera abrirse, pois “é nese tipo de decisións onde comezan as malas prácticas que logo rematan en desviacións orzamentarias, adxudicacións polémicas ou relacións pouco claras entre políticos e empresas”.

“Non dicimos que vaian facer algo ilegal, pero están sentando as bases para que poidan xurdir os mesmos problemas que xa vimos noutros concellos e noutras etapas: favoritismos, presións e perda de confianza cidadá”, advertiu Pérez Barral.

O BNG lembra que durante o seu mandato o Concello de Ribeira foi exemplo de goberno limpo, honesto e transparente, no que as decisións económicas se tomaban con criterios técnicos e sen interferencia política directa. A actual decisión, di o portavoz, marca un cambio de rumbo e un regreso ás vellas formas.
“Xa o dixen na moción de censura: isto non vai só de votos, senón de acabar cun xeito diferente de facer política, máis participativa e máis limpa. A entrada de políticos na mesa de contratación confirma que volven os tempos do control e da sospeita”, sentenciou o líder do BNG.

O BNG anuncia que seguirá vixiando con rigor todas as decisións do novo goberno e que defenderá que a contratación pública se manteña sempre baixo criterios técnicos, imparciais e transparentes, sen interferencias partidistas.

Deja un comentario