Wednesday 22 de October de 2025

O pleno de San Sadurniño aproba por unanimidade concorrer ao cuarto plan adicional da Deputación da Coruña


O Concello recibirá cerca de 184.000 euros para gasto corrente

O Executivo local defendeu que a achega provincial permitirá liberar fondos propios para outros proxectos e investimentos

O Concello de San Sadurniño celebrou na tarde deste martes un pleno extraordinario de pouco máis de seis minutos no que se acordou por unanimidade solicitar a achega do POS+ Adicional 4/2025 da Deputación da Coruña. Trátase do último plan adicional do ano, que suporá unha achega económica de 183.701,35 euros destinados integramente a compensar o incremento do custe da vida nos gastos ordinarios do municipio.

A convocatoria, de carácter urxente, atendeu á necesidade de aprobar o acordo antes do 31 de outubro, data límite establecida pola Deputación para poder acceder ao programa. O POS+ Adicional 4/2025 é unha ampliación do Plan Único de Concellos que permite ás administracións locais empregar os fondos tanto para cubrir gastos correntes como para reducir débeda ou realizar investimentos financeiramente sostibles.

No caso de San Sadurniño, a totalidade dos preto de 184.000 euros irán dirixidos a gastos de funcionamento municipal, como o subministro de electricidade, combustibles e outros custes asociados á actividade cotiá do Concello.

Tal e como defendeu o Grupo de Goberno na sesión, a entrada desta achega nas arcas municipais permitirá, por outra banda, “liberar fondos propios que poderán ser dedicados a investimentos e proxectos que se decidan”. Na defensa da proposta, o Executivo local incidiu en que o Plan de Obras e Servizos da Deputación “é unha das ferramentas máis potentes de financiación a nivel municipal” que, ademais, “respecta a capacidade de decisión dos concellos para definir e establecer aqueles gastos ou investimentos que son máis necesarios en cada momento”.

O acordo adoptouse co apoio do representante socialista e tamén do grupo popular que, malia o voto favorable, lamentou que non se destinase unha parte dos fondos a investimento. Un comentario que o grupo nacionalista aproveitou para volver reivindicar unha revisión do financiamento local, propoñendo que a Xunta adopte o mesmo modelo de distribución dos fondos que aplica a Deputación da Coruña.

A sesión desenvolveuse con normalidade e sen debate, xa que os tres grupos municipais coincidiron na importancia de aproveitar esta nova liña de apoio provincial. O pleno, como é habitual, puido seguirse en directo a través da canle de YouTube do Concello de San Sadurniño.

Deja un comentario