Tuesday 21 de October de 2025

A Xunta anuncia un insignificante investimento para a vía Ártabra no 2026


Dos 219 millóns de euros que a Xunta acaba de anunciar que vai investir no 2026 na rede viaria galega destinará o 0,22% (500.000 euros) para a obra de conexión da vía Ártabra coa AP-9, unha cantidade irrisoria para unha obra de 40 millóns de euros. Resulta indignante que por parte do Goberno autonómico se realicen investimentos millonarios noutras comarcas e se marxine totalmente á de máis poboación de Galicia, urxentemente necesitada desta infraestrutura para a mellora do tráfico e da mobilidade.

Ante a falta da posta en marcha por parte da Xunta dun servizo de transporte público acorde ás necesidades de desprazamentos, a posta en funcionamento da vía Ártabra ao 100% resulta imprescindible para aliviar os problemas de tráfico na comarca da Coruña. Trátase dunha gran circunvalación comarcal, proxectada desde o porto de Lorbé ata a Ronda de Outeiro, pasando pola N-VI, AP-9, N-550, A-6 e a terceira ronda, dando servizo directo aos concellos de Sada, Oleiros, Cambre, Bergondo, Culleredo, Arteixo e A Coruña.

“Para a vía Ártabra nada, e logo aparecen millóns en concellos con 5.000 e 6.000 habitantes. Nunha comarca como a nosa, non hai investimento en estradas, nin en beirarrúas,… Parécenme uns orzamentos miserentos, politiqueros e nos que arriman a ascua á sardiña”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.

Lamentablemente o Goberno autonómico continúa a practicar unha política clientelar distribuíndo arbitrariamente os recursos económicos en función da cor política dos distintos concellos. Un nefasto uso dos recursos públicos que castiga á cidadanía por cuestións partidistas, obviando as obrigas que a Xunta de Galicia na prestación dos servizos públicos e na creación e conservación das infraestruturas.

Deja un comentario