
Participaron as corais Canticorum, Sementeira de Cambre e El Eco nunha edición centrada na posta en valor da música coral galega
O Teatro Rosalía de Castro acolleu esta tarde a oitava edición do Encontro de Polifonía Galega “Pascual Veiga”, unha cita xa consolidada no calendario musical da cidade, organizada pola Coral Polifónica El Eco coa colaboración do Concello da Coruña.
O encontro contou coa participación das corais Canticorum, Sementeira de Cambre e da propia El Eco, que ofreceron un programa centrado na música coral galega, con obras de raíz tradicional e creación contemporánea. A cita, de acceso libre ata completar aforo, rexistrou unha destacada asistencia de público e concluíu cun prolongado aplauso ás agrupacións participantes.
O concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, participou no acto e agradeceu o importante labor que realizan as corais galegas na difusión da música e da lingua propias. Na súa intervención, destacou tamén “a traxectoria da Coral El Eco como entidade histórica da cidade, que leva 143 anos contribuíndo á vida cultural da Coruña”.
“A música coral galega é parte do noso patrimonio inmaterial. Iniciativas coma esta fannos reflexionar sobre a súa riqueza, pero tamén sobre a necesidade de apoiala, difundila e garantir o seu relevo xeracional”, sinalou Castro.
Durante a súa intervención, o presidente da Coral Polifónica El Eco, Carlos González-Garcés Santiso, agradeceu a colaboración institucional recibida e o respaldo das entidades públicas e privadas implicadas, e fixo un recoñecemento ao labor das agrupacións participantes.
O Encontro de Polifonía Galega “Pascual Veiga” rende homenaxe á figura do fundador, primer presidente da coral e compositor do Himno Galego e contribúe cada ano á difusión da creación coral en lingua galega, converténdose nun punto de encontro entre corais de diferentes puntos do país.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.