Tuesday 21 de October de 2025

O Concello de Ribeira inicia as xestións para que o Sergas asuma a Unidade de Condutas Aditivas


 Este servizo pasará a ser dirixido pola Xunta, previsiblemente, a inicios de 2026

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e o director da Unidade de Condutas Aditivas (UCA), Jesús Cartelle, mantiveron na mañá de hoxe unha reunión telemática coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) cara a iniciar os trámites oportunos para que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) asuma a xestión deste departamento.
O cambio do modelo de xerencia fundaméntase, en palabras da rexedora, en “optimizar a administración dun servizo importante que prestamos á cidadanía da comarca e que vai garantir que se sigan brindando estas prestacións correctamente ao mesmo tempo que se reducirá a carga económica para as arcas municipais.” A mandataria local tamén incide en que se trata dunha “vella demanda dos municipios que se remonta ao 2009. Con este cambio dignifícase o servizo e o paciente.”

Nas próximas semanas seguiranse sucedendo os encontros de traballo coa finalidade de que culmine de maneira progresiva esta absorción da UCA por parte da Administración autonómica sen interferir na atención ás persoas usuarias e no desenvolvemento das tarefas do persoal. De feito, a rexedora xa mantivo xuntanzas co persoal da UCA co obxectivo de que esta transición sexa o máis beneficiosa e sinxela posible para todos os integrantes do servizo.

Deja un comentario