Tuesday 21 de October de 2025

A Mesa Local de Coordinación contra a violencia de xénero acorda convocar a comisión de prevención e educación para incidir na sensibilización á mocidade


A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, presidiu este martes a Mesa Local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero, na que tamén participou o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, canda as representantes da corporación municipal, forzas de seguridade e profesionais dos servizos sociais e sanitarios co obxectivo de mellorar a atención ás vítimas e avanzar na prevención.

Entre outras cuestións, na reunión deuse conta do impulso das comisións de traballo, como a comisión de LGBT e acordouse convocar a Comisión de traballo para “Prevención e educación en valores de Igualdade” co obxectivo de sensibilizar á mocidade contra a violencia de xénero. Outro dos asuntos máis relevantes que destacou a rexedora municipal foi o acordo para difundir os recursos municipais, e de maneira especial o CIM, entre os menores de 25 e as persoas maiores de 65 anos, debido a que son as franxas de idade que menos empregan este recurso.

Asemade, na reunión analizouse o funcionamento do Sistema de Seguimento Integral nos casos de Vioelncia de Xénero (VioXén), que depende da Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior. Neste sentido, deuse conta a incorporación do CIM de Santiago ao sistema VioXén desde o mes de maio deste ano, unha incorporación que permite acceder directamente aos recursos e aos datos, de forma que se establece un seguimento e protección rápido, integral e efectivo das mulleres e das fillas e fillos.

O Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Santiago foi sinalado como un punto de encontro e referencia fundamental. Trátase dun espazo seguro, aberto e libre de prexuízos, no que un equipo de profesionais ofrece apoio, asesoramento e protección ás mulleres vítimas de violencia de xénero ou en situación de vulnerabilidade.

Pola súa parte, o subdelegado do Goberno lembrou que o Ministerio de Igualdade, a través da Secretaría do Estado para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres, asignou recentemente a Santiago 28.500 euros procedentes do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, destinados a programas de apoio e sensibilización que se desenvolverán ata xuño de 2026.

Deja un comentario