
Asistiu á reunión da delegación española do Comité das Rexiónsna que se aprobou a ‘Declaración de Compostela’ sobre a proposta do novo marco financeiro plurianual 2028–2034 da Comisión Europea
A alcaldesa participou esta mañá na reunión da delegación española do Comité Europeo das Rexións (CdR), celebrada en Santiago de Compostela baixo o título “A política de cohesión no Marco Financeiro Plurianual 2028–2034”.
A alcaldesa expresou o seu acordo coa ‘Declaración de Compostela’ aprobada no encontro, destacando especialmente a necesidade do mantemento dos fondos específicos destinados ao desenvolvemento territorial e urbano. “Estes fondos son fundamentais para que os concellos poidan seguir impulsando estratexias locais en materia de cohesión, sustentabilidade e competitividade”, sinalou.
Engadiu que “é necesario garantir unha partida orzamentaria específica para o desenvolvemento urbano, porque é clave para afrontar retos como a vivenda ou a adaptación ao cambio climático, e porque se ten demostrado que estas políticas teñen un impacto directo no fortalecemento do tecido empresarial e na creación de emprego”.
A ‘Declaración de Compostela’, fixa a posición da delegación española ante a proposta da Comisión Europea para o novo marco financeiro plurianual 2028–2034. A declaración manifesta o rexeitamento ao modelo dos chamados plans de colaboración nacional e rexional, por considerar que poderían centralizar a xestión dos fondos europeos e debilitar o papel das rexións e dos concellos, en detrimento do principio de cohesión territorial.
A Declaración de Compostela reclama ademais un orzamento europeo máis ambicioso, por riba do 2% da Renda Nacional Bruta da UE, e defende o recoñecemento das comunidades autónomas como autoridades de xestión nos seus ámbitos competenciais, así como o mantemento dos fondos compartidos para cohesión, agricultura e pesca.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.