Asistiron pola mañá preto de 2.000 alumnos dos centros de ensino da Laracha e doutros municipios próximos.
No CEIP Otero Pedrayo viviuse hoxe unha xornada inesquecible coa multitudinaria exhibición solidaria da Guardia Civil á que asistiron durante toda a mañá uns 2.000 escolares dos catro centros de ensino da Laracha (o colexio anfitrión, CEIPs Alfredo Brañas de Paiosaco e de Caión e IES Agra de Leborís) e doutros municipios próximos como Carballo, Arteixo, Coristanco ou Zas, entre outros. Na inauguración da xornada contouse coa presenza do alcalde, José Manuel López Varela, de varios edís da Corporación municipal e tamén do subdelegado do Gobero, Julio Abalde.
A exhibición, enmarcada dentro do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos, desenvolveuse nun ambiente moi participativo e educativo, tanto entre o persoal da Guardia Civil como entre o público asistente. O alumnado amosou un enorme interese nas explicacións, nos vehículos e nos equipos empregados polas distintas unidades, así como nos simulacros e demostracións prácticas que se realizaron ao longo da mañá.
Durante a xornada participaron numerosas unidades da Guardia Civil, que amosaron os seus medios e o seu labor cotián:
• Servizo Cinolóxico, cos seus cans adestrados para a busca de persoas, drogas e explosivos.
• GEDEX (Grupo de Especialistas en Desactivación de Artefactos Explosivos).
• USECIC (Unidad de Seguridad Ciudadana de Comandancia).
• UOPJ (Unidad Orgánica de Policía Judicial).
• SEPRONA (Servicio de Protección de la Naturaleza).
• PAFIF (Patrulla Fiscal y de Fronteras).
• Equipo PEGASO (Policía especialista en gestión aeronáutica y seguridad operacional).
• Seguridad Ciudadana.
• OMAP (Oficina Móvil de Atención al Peregrino).
• GEAS (Grupo de Especialistas en Actividades Subacuáticas).
• ERIM (Equipo de Rescate e Intervención en Montaña).
• Subsector de Tráfico.
Por causa das condicións meteorolóxicas adversas, o helicóptero da UHEL non puido finalmente desprazarse ata o colexio. A Guardia Civil confirmou, non obstante, que visitará o centro nunha próxima data para que o alumnado poida coñecelo e aprender sobre o seu funcionamento.
A exhibición ten tamén un importante carácter solidario coa recollida de alimentos non perecedoiros que se destinarán a Cáritas da Laracha, reforzando así o compromiso da comunidade educativa e da cidadanía coa axuda ás familias que máis o precisan. A recollida continuará durante a tarde, xa que durante dúas horas abriranse as portas á cidadanía en xeral para que calquera persoa que o desexe poida tamén asistir á exhibición.
O Concello da Laracha agradece á Guardia Civil a súa implicación e profesionalidade, así como a colaboración dos centros de ensino e de todas as persoas que participan nesta iniciativa que combinou educación, convivencia e solidariedade ao longo de toda a xornada.

